Castro Caldelas renovará o PAC e o centro de saúde

As obras de reforma permitirán rematar cos constantes problemas de filtracións e humidades que padecen os pacientes e os profesionais do centro. 

Castro Caldelas renovará o seu centro de saúde e Punto de Atención Continuada grazas a un investimento total que superará os 200.000 euros. Neste senso, o Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración coa administración local, que terá que achegar unha partida de 50.000 euros para esta invervención, asumindo a Xunta os 152.300 euros restantes. 

Segundo informaron dende a Administración Autonómica, a cuberta do actual centro de saúde e PAC de Castro Caldelas atópase en “moi mal estado” debido, fundamentalmente, aos importantes “vicios construtivos” no momento da súa execución. A día de hoxe, a meirande parte da auga da cuberta non é evacuada polas canles, se non que se filtra ao forxado de cuberta e, dende alí, parte dela sae ao exterior a través dos tubos de ventilación das cámaras dos peches de fachada. A que non é evacuada a través destes pequenos tubos, fíltrase ao interior do inmoble, aparecendo en tabiques e falsos teitos. As obras de reforma permitirán rematar cos constantes problemas de filtracións e humidades que padecen os pacientes e os profesionais do centro. 

Co Convenio que acaba de autorizar o Consello da Xunta para o cofinanciamento das obras de reforma do Centro de Saúde de Castro Caldelas, son xa 14 os convenios asinados neste ano 2021 con este mesmo obxectivo por un importe total que roza o millón de euros.

Te puede interesar