Deféndese da información emitida hoxe polo PP sinalando que a Casa da Maxia non é unha ludoteca, senón un espazo multiusos

O Concello reitera que non son necesarios permisos de ludoteca para a Casa da Maxia

'A ampliación do Centro Cívico do Casco Vello non necesita recibir permiso de ludoteca por parte da Xunta de Galicia porque non é unha ludoteca, senón un espazo multiusos, que ten como finalidade organizar e acoller diferentes tipos de actividades para tódolos públicos, tanto nenos e nenas como maiores', sinalou Marga Martín, concelleira de Benestar Social.

A concelleira de Benestar Social reiterou estas explicacións á vista das declaracións realizadas esta mañá polo grupo municipal do PP. Marga Martín insta ao PP a deixar de crear “polémicas artificiais que en nada benefician aos veciños e veciñas de Ourense que utilizan estas instalacións e que, lonxe diso, veñen desanimar aos cidadáns de utilizar os servizos que lles ofrece o Concello”.

A este respecto, e como xa explicara en anteriores ocasións, Marga Martín lembra que “o edificio non é unha ludoteca, senón un centro multiusos municipal, que acollerá todo tipo de actividades, dirixidas a persoas de tódalas idades, tanto a nenos como a adultos e colectivos sociais, co fin de contribuír a dinamizar o barrio no que se atopa”. Entre elas, citou, están as actividades para nenos, que xa se viñan desenvolvendo tódolos sábados pola mañá neste Centro Cívico, e que agora se fan tamén de luns a venres, neste novo edificio multiusos, como se farán tamén moitas outras, para outros públicos”.

O Concello de Ourense está a disposición da Xunta de Galicia para achegar as explicacións que estime oportunas sobre este inmoble que, lembra, non é unha ludoteca, senón un edificio multiusos.

Te puede interesar