SERVIZO DE AUGA NA CIDADE

Viaqua recibe a xestión do servizo de augas de Ourense

OURENSE. 28.09.2015. CONCELLO, FIRMA CONVENIO ACUAES FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Jesús Vázquez e Julio Armando Masid, na firma da concesión.

A sinatura impide a posibilidade de ter que devolver a financiación europea para as obras de ACUAES

O Concello acolleu onte a sinatura pola que se formaliza a entrega á empresa concesionaria do servizo de augas das obras e instalacións xa rematadas que a institución local recibiu da entidade pública ACUAES (Sociedad Estatal Aguas de las Cuencas de España), no marco do convenio asinado no seu día coa devandita entidade e dacordo co disposto no prego de condicións económico-administrativas que rexiu o concurso para a contratación da concesión da explotación do Servizo Municipal de Auga Potable e Saneamento de Ourense.

A sinatura correu a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do director da empresa concesionaria da explotación do Servizo Municipal de Auga Potable e Saneamento de Ourense, Viaqua, Julio Armando Masid Bande.

As obras recepcionadas polo Concello son as correspondentes á captación da marxe dereita do Miño, a condución da captación da marxe dereita-ETAP, á estación de tratamento de auga potable (ETAP) de As Coiñás, á condución da ETAP ao depósito de As Eiroás, o depósito de Eiroás, o bombeo de Montealegre, a condución Montealegre-As Caracochas e o depósito de As Caracochas.

A Xunta de Goberno Local de 20 de agosto deste ano xa acordara por unanimidade o encargo á empresa Viaqua do mantemento e xestión das devanditas obras, unha decisión que, ao realizarse en prazo, impediu a posibilidade existente de ter que devolver a financiación europea coa que se realizaran ditas actuacións.

Investimento de 28,7 millóns

As obras principais destes traballos supuxeron un investimento de 21,3 millóns de euros. Nestas, incluíronse a construcción da nova ETAP de As Coiñás, a nova captación na marxe dereita do Miño, catro depósitos de regulación de auga potable, dúas estacións de bombeo e 7.250 metros de conducións.

No que respecta á estación de tratamento, o seu caudal de deseño é de 200 litros/segundo -ampliable a 300 litros/segundo-, e componse dunha liña de tratamento de auga que inclúe os distintos procesos de preozonización, coagulación-floculación, decantación, ozonización intermedia, filtración sobre leito de area, desinfección e unha liña de tratamento de fango con espesamento por flotación e deshidratación por centrifugación.

No tocante ás obras adicionais, que supuxeron un investimento de 7,4 millóns de euros, consistiron na execución de 10.550 metros de conducións, nas que se proxectaron os seguintes ramais: conexión co depósito de As Caracochas con bombeo a Barrocás, suministro ao polígono de Seixalbo dende Barrocás, peche do anel Sur, conexión do depósito de As Caracochas co depósito de Ceboliño e conexión do depósito de As Caracochas co depósito de Rotura-Regoufe.

Te puede interesar