CERTAMEN

Convocado un concurso escolar sobre a figura de Carlos Casares

Neste concurso poderán participar todos os alumnos de secundaria dos centros colaboradores que presenten textos en formato dixital e impresos.

A Federación de Anpas de centros públicos da provincia de Ourense (FAPA Ourense) ten aberta a convocatoria do concurso escolar “Toribio” de redacción sobre a figura de Carlos Casares, o escritor ourensán a quen está dedicado este ano o Día das Letras Galegas.

Neste concurso poderán participar todos os alumnos de secundaria dos centros colaboradores que presenten textos en formato dixital e impresos. Os traballos deberán ter unha extensión máxima de 6000 palabras, en prosa, estar escritos en lingua galega e manter a estrutura xeral dun relato narrativo, ademais de ser orixinais e inéditos.

O certame ten como obxectivo "a promoción e expresión escrita en lingua galega e a creación literaria" entre os rapaces de Secundaria, así como achegar aos alumnos "a relevancia da cultura en galego" e contribuír á homenaxe ao destacado escritor Carlos Casares. "Promover a creación literaria entre os nosos rapaces e rapazas é unha vacina que reforza a nosa saúde cultural, o noso futuro e a nosa esencia como galegos", sosteñen desde a organización. 

DÚAS FASES

O procedemento  constará de dúas fases. En primeiro lugar haberá unha fase local que desenvolverán as distintas Anpas de cada centro de secundaria en colaboración cos departamentos de Galego. Despois, haberá unha fase final do concurso a nivel  provincial, cuxa xestión técnica correrá a cargo da Anpa IES O Couto e FAPA Ourense. O primeiro premiado e os finalistas recibirán trofeos, ordenadores e verán publicados os seu relatos.

Te puede interesar