lucha antiincendios

“Creo que todos se van adherir ao sistema público, é a súa obriga e será máis barato"

José González, onte na súa visita a Boborás (JOSÉ PAZ).
photo_camera José González, onte na súa visita a Boborás (JOSÉ PAZ).

700 aldeas de 34 concellos empezarán a limparse "si ou si" cun sistema público

700 aldeas de 34 concellos empezarán a limparse "si ou si" cun sistema público. O obxectivo é blindar as de máis risco de incendio. Ademais, Medio Rural abre a porta a que outras 40 aldeas poidan ser beneficiarias do sistema público coa condición de que se implante actividade agrogandeira."O que queremos é iniciar unha senda que nos permita protexer as nosas aldeas co que sempre se fixo, actividade agrogandeira". 

Acaba o prazo para limpar as franxas. Tense cumprido?

Estase a cumprir cada vez de xeito máis intenso. Pero o 31 de maio non é unha barreira infranqueable. Despois pódese seguir limpando. O que sucede é que ata agora podíano facer voluntariamente e, de agora en diante,  terán que ser requiridos polos concellos. 

Están preparados os concellos?

Hai 33.000 núcleos de poboación no rural que se poñen en perigo e temos que facer un esforzo moi  grande na limpeza das franxas. E aí hai unhas competencias determinadas por unha lei do 2007. Son os propietarios os que teñen que limpar e despois os concellos teñen que comprobar o cumprimento e, no seu caso, facer a execución subsidiaria. É complicado. Hai descoñecemento no catastro, fincas nas que non se dá localizado o propietario e un gran  número de fincas. Pero imos apoiar cun sistema público que chega a 34 concellos. 

Por que non chega a máis?

Porque non somos capaces orzamentariamente. Pero chegamos a 34 que están elixidos con criterios técnicos e están as aldeas que máis perigo teñen fronte os incendios. 

Como funciona o sistema?

Ao que voluntariamente se adhira e asine un contrato con nós, cobrámoslle un prezo fixo (35 euros por cada 1.000 metros) e limpamos as parcelas, custe o que custe, sen sobrecargo. Calquera sabe que custa moito máis.  Cobramos 350 euros por hectárea e a estimación é de 1.500 euros por hectárea. Hai un aforro importante. 

E se o propietario non fai caso?

O Concello ten que requirir ao propietario que limpe, e, se non, ten que executar subsidiariamente a limpeza e cobrarlle o custe. Nós o que cremos é que nas parroquias cun sistema público todos se van adherir, porque sendo xa unha obriga, sáelles máis barato. 

E as parroquias que non son de alta actividade incendiaria?

Non só imos botar unha man a eses 34, senón a todos os que se adhiran ao convenio. A todos –xa hai preto de 200– lles facemos un plan básico. Xa llo entregamos a 63, case o 25% dos concellos. Eses plans tiveron un custe de 15.000 euros e nós facémolo no convenio sen custe adicional. Estamos aforrando case un millón de euros aos concellos. E váiselles dar un visor a 92 concellos antes da temporada de máximo risco, para que poidan ver as franxas secundarias.  

Hai case 200 adheridos ao convenio e só a metade terá o plan. Por que?

É complicado. Precisamos que o Concello teña o plan urbanístico aprobado, que teña os núcleos delimitados...O compromiso é que todos os adheridos o teñan en outubro de 2020. En só un mes de traballo temos 63 plans, e imos chegar a 92 antes da temporada de máximo risco. Penso que se está a facer un esforzo importante. E imos dar un programa a todos para facilitarlles a execución subsidiaria e que poidan controlar se os propietarios cumpren. 

Greenpeace laiábase da falta de plans antiincendios. É pioneiro? 

O que non teñen en ningunha comunidade autónoma é unha cooperación como a nosa cos concellos para dotalos deses plans. Eses plans son competencia dos concellos, pero como teñen custe e son complexos é moito mellor que os fagamos desde a Xunta. Ao final aforramos diñeiro a todos. 

Que facemos co abandono? 

Temos que intentar que se desbroce só unha vez e implantar nesas franxas actividade agrogandeira. Sempre poñéndose de acordo, aquí non impoñemos nada. En vez de desbrozalas todos os anos e pagar, poderán cobrar un arrendamento. Se hai esa vontade, nós porémoloes en contacto e tutelaremos o proceso. A idea é que onde agora hai mimosas, que no Ribeiro hai bastantes, ou silvas, poida haber cabras ou ovellas, frutais, unha horta, viñedo.... 

Haberá xente disposta? 

Iniciamos un novo camiño, imos traballar para dar impulso a esa actividade. Nas franxas de protección das aldeas están as mellores terras de Galicia. Se somos capaces de convencer aos propietarios de que as arrenden, seremos capaces de encher esa demanda de base territorial. É complicado , pero só con desbroce isto non se arranxa. Se hai actividade agrogandeira, o sistema pública poderá chegar a moitas máis aldeas. 

Entramos en xuño e empeza a temporada de incendios. Estamos preparados? 

Temos case que 7.000 persoas protexendo as nosas aldeas contra os incendios. Non hai servizo así fóra de Galicia. Pero hai problemas estruturais que dificultan o traballo contra os incendios. Os políticos temos que pór mecanismos para solventalo. Estamos preparados. É imposible que pase algo como no 2006 ou 2017? Non digo iso. Pero estamos traballando na prevención precisamente para que non ocorra iso. 

Te puede interesar