Superada xa a primeira metade do Festival de Cine de Ourense, os membros da organización amósanse certamente sorprendidos polo éxito que teñen acadado as proxeccións de curtametraxes.

As curtas mandan no OUFF

El Cinebox volvió ayer a recibir un público numeroso. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O público 'está respondendo á nosa chamada'. O lema deste ano era 'Tócache!' e con el o Festival de Cine quería implicar directamente á sociedade no seu proxecto, na súa edición número XVI. O pasado martes, día 18, a organización do OUFF superaba o ecuador con éxito. 'A organización, o equipo, a programación que ofertamos, está funcionado'. Quen fala é Diego González, que este ano asumiu o rol de voceiro dun certame no que a resposta do público 'está sendo moi grata'. O número de asistentes a cada proxección vai en aumento, demóstrao a ocupación das salas.
As boas cifras están complacendo ós que dende xaneiro traballan arreo para organizar toda a programación. Pero hai outra cousa que sorprende entre o equipo coordinador. O habitual nun festival de cine é que as longametraxes sexan as grandes triunfadoras. E aquí, en Ourense, iso acontece unha vez máis. Pero as súas irmás pequenas véñenlle seguindo a pista a poucos pasos. 'están tendo moito público'. O motivo ven de longo, segundo Diego González, que o ve na proxección de 'curtas de calidade durante todo o ano'. A xente, acostumada á programación invernal, 'míraas coa garantía do que vai ver alí'.

A calidade semella estar garantida ó falar co voceiro do OUFF. Pero vén do proceso de selección. En realidade, o valor das obras xa chega dado, 'nós o único que temos que facer é reproducila'. Este ano, a reducción dos orzamentos cífrase nuns 100.000 euros e, por iso, 'tivemos que artellar mecanismos para que nos afectara o menos posible'. Con todo, a organización non está rexistrando incidencias nas proxección e iso que o cartel completo case acada as 200 sesións. Este alto número aumenta as probabilidades de que 'algo falle', de que se rexistren 'pequenos problemas técnicos'. A maxia, neste caso, está en que 'o público non os perciba'.

Cada éxito non é froito da casualidade, senón producto dun traballo que dura meses. Durante a programación anual, os membros do equipo organizativo ten oportunidade de coñecer as virtudes e erros de cada unha das salas do Cinebox onde proxectan e tratan de minimizalos de cara ó festival. Este ten corrido estes días con normalidade e 'iso para nos xa é estupendo', afirma Diego González.

Que todo vaia ben, segundo o previsto; esa é a máxima que perseguen. 'O OUFF ten varias fases'. Pasada a primeira, 'na que vimos que toda a programación funciona', agora comeza unha segunda parte 'na que temos que ver se continúa aumentando o público'. González entende este certame cinematográfico como unha 'oportunidade para proxectar traballos de calidade que por desgracia non chegan a Ourense nin o farían de ningún outro xeito'.

A competición, a sección máis demandada á hora de mercar as entradas, rexistra cada día, nas tres funcións previstas, unha ampla asistencia. Pero apartados fóra de competición, como é o perfilado este ano para o xénero cómico, 'teñen funcionado bastante ben'.

O sábado terá lugar a gala de clausura do OUFF. Será entón cando a organización entregue os diferentes galardóns programados. Os máis agardados son o do público e o do xurado. Para o segundo, é difícil saber cal será o nome escollido, posto que os seus membros atópanse en proceso de selección. O do público, pola contra, déixase ver na afluencia ás salas.

Te puede interesar