As deputacións de Ourense e Lugo colaborarán para promover que a Ribeira Sacra se declare Patrimonio da Humanidade

As deputacións de Lugo e Ourense asinarán antes de que remate este ano un convenio de colaboración para promover de forma conxunta a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.


Os presidentes de ambas as dúas deputacións, José Manuel Baltar (Ourense) e José Ramón Gómez Besteiro (Lugo) mantiveron un encontro este luns en Monforte de Lemos, no que pactaron asinar o convenio, que estará aberto á adhesión das administracións locais, da autonómica e da estatal.

É precisamente a 'implicación' do Estado un dos obxectivos, dado que os concellos da Ribeira Sacra, a Xunta e as deputacións xa apoian este obxectivo, segundo destacou Baltar. Co convenio anunciado, as diferentes administracións pretenden desenvolver conxuntamente 'un plan de traballo para potenciar a riqueza turística, patrimonial, económica e ambiental' da zona que 'conclúa coa esperada declaración Patrimonio da Humanidade outorgada pola Unesco á Ribeira Sacra.

Os dous presidentes provinciais recordaron que as deputacións xa aprobaron mocións de apoio á candidatura e coincidiron en destacar 'o interese peculiar e o longo pero ilusionante camiño que queda por percorrer'.

Besteiro asegurou que o proxecto constitúe un punto de unión 'dende o punto de vista xeográfico e humano' e sinalou que esta iniciativa 'pon en valor a cultura, a etnografía e o medio natural'.


REACTIVACIÓN ECONÓMICA

Polo seu lado, Baltar recordou que a principios de setembro comezou contactos para lograr a distinción e convocou alcaldes e representantes dos oito concellos da provincia de Ourense que forman parte da Ribeira Sacra: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo. O obxectivo, dixo, era retomar unha iniciativa da década dos 90 para lograr 'o recoñecemento internacional' deste ámbito.

Esta distinción de especial protección que concede a Unesco, subliñou Baltar, serviría para a 'reactivación e dinamización económica do ámbito e para as provincias de Ourense e Lugo'. O presidente da Deputación de Ourense resaltou os valores naturais e paisaxísticos da Ribeira Sacra, a súa arquitectura e as súas actividades vinculadas ao viño e a castaña.

Te puede interesar