Despoboamento e memoria dun tempo nunha exposición

La exposición, en el Valcárcel.
photo_camera La exposición, en el Valcárcel.
 O cambio nas condicións de vida é xigantesco nos últimos trinta anos no mundo urbanita fronte ao estatismo do modus vivendi e á perda de valor das estruturas agropecuarias

No interior do abandono é máis que unha viaxe fotográfica e poética ás aldeas galegas abandonadas. Os seus últimos moradores foron marchándose e morrendo, mais xa dende moito antes, décadas, os proxectos de vida dos fillos e dos netos está vencellado as cidades capitais de provincia ou aínda máis lonxe en metrópoles como Vigo ou Santiago, por non mencionar a capital do reino ou fóra do Estado. O cambio nas condicións de vida é xigantesco nos últimos trinta anos no mundo urbanita fronte ao estatismo do modus vivendi e á perda de valor das estruturas agropecuarias. E chega a todos os niveis, incluídos os das vilas capital de concello. Así na miña de Cea ver medrar unha árbore nun forno comunal, ou os esqueletos dos cabaceiro con edra no fondo do lugar ou no Lodairo téñenme impactado sempre. E tamén entrar nalgunha casa parroquial estragada e achar dende mobles á intemperie un Balmes e outros libros.

Mais nas paredes da acaída sala cero do CCMV da Deputación Provincial hai con este baixo continuo de fondo outra música. Dous fillos da terra de Celanova que viven e traballan fóra da vila e provincia, presentan este proxecto itinerante que nace dende a edición dun libro seu que saíu dos tórculos en 2020, e que xerou posteriormente un vídeo que colocaron en Youtube e Vimeo, plataformas da net. Son os seus autores Carlos Lorenzo (Caracas-Venezuela, n. 1968) como fotógrafo, e Baldo Ramos (n. 1971), como artista gráfico e poeta. Son dous activistas da cultura e creadores de longa traxectoria que xa tiñan colaborado entre eles para a “Ramallosa, caligrafías de luz”, dende a súa común raiceira. E tamén no documental daquel “Vértice de versos”. Consta de quince follas, expresión por pares, unha foto a cores de gran formato tamaño, en horizontal ou vertical, de interior ou exterior, ás veces, e ao lado, tamén en panel Dibond, e un poema sobre fodo vermello, co texto en minúsculas ao xeito de “e. e. cummings”. Este creador norteamericano foi poeta e tamén pintor, ademais dramaturgo e ensaísta. E Baldo, á súa vez, un singular pintor calígrafo. Así o insire na folla en tinta chinesa a pincel, nun estilo moi de seu dende fai anos.

Non é un exercicio lineal de imaxes, con versos ao acaso, senón unha reflexión en modo díptico. Así dende un interior en perspectiva cunha prenda de roupa e unha peneira nunha percha, o poema é Gabán, que alude a “un baleiro de sombras” e no que se fala de Milmanda. En “Falarei coas sombras/ do que foi de min”, frase reproducida ao modo Novoneyra, vai unha foto dun cuarto cun cabezal de cama cuberto; e noutro a antiga habitación dos avós con acaída cama e pinturas nas paredes, falando de viaxes entre Sorga e Newark, lugar de emigración da comarca a EE.UU. “Teceron na luz/ un cadaleito de seda negra/as arañas do esquenzo”, en relación cunha densa tela. Na derradeira colocan unha fiestra con encintado romboidal en bicromía. Diante dela medran as silvas, “un día a casa será bosque”. Que hai detrás da mirada do fotógrafo? Que nos versos de rima libre do poeta? Son retratos dunha realidade, foto a foto, verso a verso.

Te puede interesar