Diarios do pasado

Dolmens na Semana da Arquitectura

O primeiro luns de outubro celébrase en todo o planeta o Día Mundial da Arquitectura. Aquí esténdese á Semana da Arquitectura. En cada lugar selecciónase unha obra para mostrarlle á sociedade o valor e significado de creacións arquitectónicas de diversas épocas históricas, maioritariamente recentes e das que coñecemos a súa autoría. Entre outras, recordo as explicacións e visitas á Torre -a segunda “torre” ourensá- e ao edificio racionalista da rúa do Paseo, de Ales Reinlein. Tamén á da Casa Taboada, de Vázquez Gulías.

Mais non o dubiden. Un dolmen, ese sartego prehistórico construído con grandes lousas e protexido cun túmulo de terra e pedras, é unha creación arquitectónica. Os seus construtores, que a investigación actual non conseguiu rescatar do anonimato, necesitaron e foron quen de facer os cálculos necesarios para que chegaran en pé ata nós, moitos despois de 6.000 anos. Buscaron materiais con boas propiedades mecánicas para erixilo con fiabilidade. Pola nosa zona optaron polo granito e por outras pedras da contorna, como xistos e migmatitas. Cando era necesario para garantir unha edificación segura e duradeira, non vacilaron en extraer e transportar as lousas axeitadas dende distancias superiores a un quilómetro, como nós mesmos comprobamos na Baixa Limia. Seleccionaron emprazamentos especiais, preferentemente en zonas chairas, xunto ás vías de comunicación ou en lugares claves dos camiños, como portos de montaña -portelas- e vaos fluviais. Orientaron a entrada de cada dolmen cara a saída do sol no solsticio de inverno e inclinaron as lousas verticais, seguramente para non necesitar manipular e colocar as pedras das cubertas excesivamente grandes. Para que esas lousas inclinadas cara o interior do recinto funerario soportaran o enorme peso da cuberta, tamén pétrea, construíron contrafortes que evitaron o seu derrubamento. Todo iso como exemplo das solucións técnicas construtivas, ás que podemos engadir a propia colocación de todas as enormes pedras -“megalithos”- que forman o dolmen.

Debemos ter en conta que aqueles edificadores de megálitos, ademais de pensar e solucionar os problemas construtivos, dotaron doutros caracteres arquitectónicos ás súas sepulturas: a organización funcional -e ritual- dos espazos. Deste modo, moitos dolmens están dotados de corredores de acceso ou de pasadizos intratumulares. Mesmo de adros na entrada. A súa existencia nas sepulturas fainos reflexionar sobre unha zonificación diferenciada da área de enterramento, do acceso e das áreas de permanencia colectiva, que posiblemente respondan a existencia dun ritual acaso guiado por un oficiante como nas nosas igrexas actuais. Nelas está perfectamente diferenciado o altar co oficiante, a área dos fieis e o sagrario, espazos ritualmente organizados polo sacerdote. Tampouco o túmulo de terra que protexe e cubre parcialmente o dolmen -ás veces totalmente- é homoxéneo. Nas escavacións constatamos a existencia de coirazas pétreas de cobertura e de aneis perimetrais que bordean o seu interior.

Conteilles algunhas características arquitectónicas dos dolmens, tanto dende o punto de vista construtivo como de organización funcional dos espazos. Estas reflexións lévannos a consideralos como as primeiras arquitecturas monumentais europeas, como titulou unha obra o profesor, hoxe catedrático, Antón Rodríguez, Casal, especialista en Megalitismo. Era un tempo da prehistoria na que non podemos coñecer a identidade das persoas. Por iso as súas obras, como na arquitectura popular, son propios dunha etapa de “arquitectura sen arquitectos”. Pero merecentes de ser incluídas na historia da arquitectura.

Te puede interesar