Diarios do pasado

Dúas pontes romanas na provincia de Ourense

Ponte romana  do Freixo, entre Celanova e Cartelle.
photo_camera Ponte romana do Freixo, entre Celanova e Cartelle.

Á ponte máis célebre de Ourense chamámoslle Ponte Vella dende que se inaugurou a Ponte Nova, en 1918. Ademais coñecémola como “Ponte Romana”. Sen embargo o seu perfil anguloso, en “lombo de asno”, froito de sucesivas reformas, en absoluto se asemella ás que construían os romanos, que mantiñan un perfil recto. Pero se, como se soe dicir, “unha imaxe vale mais que mil palabras”, unha boa visita vale máis de dez mil. Para que o comproben por vostedes mesmos, voulles propoñer unha excursión a dúas pontes romanas na nosa provincia. Unha está moi cerca, a Ponte Freixo; a outra, Ponte Bibei, un pouco máis afastada. Pero nos dous casos, ademais de desfrutar do patrimonio cultural que representan ambas obras de enxeñería histórica, de certo que quedarán gratamente satisfeitos palas paraxes onde se atopan. 

A Ponte Freixo construíuse sobre o río Arnoia, no límite entre os concellos de Celanova e Cartelle. Para os máis avezados ofrézolles as coordenadas UTM: 585015X e 4672547Y (se queren, outro día falamos deste asunto da localización dos sitios nos mapas). É moi sinxelo chegar ata ela, porque está ao carón da estrada local OU-404, xusto onde esta cruza o Arnoia. Quizais estea entre as pontes romanas mellor conservadas de Galicia, sobre todo despois da restauración que dirixiu o enxeñeiro e doutor especialista en pontes históricas, Manuel Durán Fuentes. Probablemente deu servizo a unha vía romana secundaria que partía da mansión e campamento de Aquis Querquennis cara ás terras do norte, a Lucus Augusti, a través de Ourense. Sen embargo, non existe unanimidade nos investigadores para determinar a ruta exacta para a que se edificou esta ponte. O outro monumento que lles propoño visitar é a tamén magnífica Ponte Bibei, situada no límites entre os concellos de Trives (Ourense) e Queiroga (Lugo). Localízase sobre a actual estrada OU-636 e nas coordenadas 647096X e 4688380Y. Foi edificado para salvar o río Bibei, afluente do Sil, no trazado da Vía Nova ou Vía XVIII romana que unía as cidades de Brácara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga) polo interior da provincia de Ourense. Tanto a construción como o seu estado de conservación son tan bos que aínda soportan o tráfico rodado na actualidade. Moi cerca deste monumento consérvase un miliario romano -un fito medidor de distancias en millas romanas- e unha columna, quizais conmemorativa, erixida nunha reforma da ponte, na época do emperador Traxano, coa seguinte inscrición: “Ao césar emperador Traxano Nerva, fillo do divino Nerva, óptimo, augusto, xermánico”. Tal reforma ou reconstrución -realizada despois do ano 114, cando Traxano obtén a categoría de “óptimo”- está indicando a posible existencia dunha ponte anterior, posto que a Vía XVIII construíuse entre os anos 79 e 80 d. C., baixo o mandato do emperador Vespasiano e do seu fillo Tito, polo legado C. Calpetanus Rantius Quirinalis Velerius Festus. As dúas están entre as mellor conservadas en Galicia, ademais da que se atopa sumerxida no encoro das Conchas, na Baixa Limia, xunto ao dique da presa. 

Agora que coñecen esta dúas pontes romanas, pódenas comparar coa de Ourense. O aspecto, como ven, é totalmente diferente, seguramente polas numerosas reformas que experimentou a da nosa cidade, ou porque esta que chamamos romana, non sexa tal, cando menos na súa totalidade.

Te puede interesar