Director do Festival de Cine de Ourense

Enrique Nicanor: ‘O negocio do cine é máis que talento’

Enrique Nicanor. (Foto: Archivo)
O Foro La Región convoca hoxe ao director do Festival de Cine de Ourense, Enrique Nicanor, quen demanda políticas públicas de apoio ao sector audiovisual.
A conferencia de Enrique Nicanor, e posterior coloquio, abordará o papel do audiovisual como industria capaz de xerar riqueza e proxectar a imaxe ao exterior dun país.

Son as 13,40 horas. Neste intre cales son os retos do sector audiovisual?

Os retos son os que coñecemos hai anos: a tremenda competencia das grandes multinacionais, basicamente de USA e Xapón, que copan o mercado. Hai moitas multinacionais das que nós non sabemos aínda como operan: en distribución, en ocupación de mercado, e sobre todo en desenvolvemento de películas. É preciso que Europa, España e Galicia tomen o camiño e saiban con qué ferramentas traballar para ter presenza internacional; se non, ficaremos só como consumidores do que fan outros.

Como vai afectar a crise económica aos festivais das características que posúe o de Ourense?

Vai afectar absolutamente, porque a maior parte dos festivais de Galicia dependen de políticas públicas, da suma do esforzo orzamentario que fan os concellos, máis a Xunta, máis o Goberno central. A día de hoxe non sabemos aínda a política que imos ter para a actividade audiovisual. Se non se fai o esforzo de apoiar á industria audiovisual, que é unha das industrias culturais más importantes, moitos outros sectores non van ter desenvolvemento. Se promocionamos o audiovisual, impulsaremos os demais espazos. O cine xera postos de traballos e potencia as industrias que o rodean.

En que medida internet vai determinar o modo de producir e rodar?

Absolutamente. O negocio audiovisual depende fundamentalmente dos cambios tecnolóxicos. Estes son un factor de primeira orde. Internet, e de paso as técnicas de distribución e proxección, están afectando ao modo en que se fan as cousas. Quen non coñeza e non posúa as ferramentas adecuadas para traballar desa maneira, non poderá traballar na distribución, venda, e comercialización dos seus produtos. É o intre de que acendamos as baterías, e non de tratar o sector como se fora simple cultura gratuíta ou subvencionada. As industrias culturais crearán moitos postos de traballo nos vindeiros tempos.

Internet será entón a tumba dos que non están sabendo adaptarse ao novo paradigma?

Quen non se saiba adaptar, xa está morto. As novas tecnoloxías deben ser manexadas con absoluta propiedade. Non hai termos medios. Estamos falando, por outra parte, de exportar a nosa cultura.

Que peso lle atribúe ao audiovisual galego dentro da cultura do país?

Está no momento de comezar unha andaina verdadeiramente profesional. Hai moi boas condicións, pero hai que ter una política de concentración en canto aos obxectivos. Hai creadores. Hai xente con talento, pero este negocio é máis que talento, hai que ter talento negociador, e coñecer a lexislación, o mercado, a competencia televisiva, coproducir, etc. O sector pode ser o motor do desenvolvemento do turismo, a cultura e a imaxe do país.

Que agarda da nova Consellería de Cultura?

Poder consolidar a estrutura do Festival, e falar de festivais, e comparalos, e ler a súa capacidade de acción, e de proxectar para dentro o para fóra o que se fai. E en base a iso mellorar o financiamento. Porque se non estaremos facendo só unha festa máis no noso pobo, non un festival internacional.

En que fase se atopa o Festival de Ourense?

En agosto estaremos en condicións de presentar a selección definitiva de películas, que sairá dun abano de máis de 1.300.


Te puede interesar