CON BASTÓN DE MANDO

Mario Rodríguez: “Fan falta empresas en torno ó turismo"

photo_camera Mario Rodríguez González, nun parque infantil da localidade de Esgos.

O alcalde de Esgos, Mario Rodríguez González, que gobernou sen oposición neste mandato que agora remata, afirma que a súa maior preocupación é o cuidado dos maiores e o emprego dos xóvenes

O alcalde de Esgos, Mario Rodríguez González, que gobernou sen oposición neste mandato que agora remata, afirma que a súa maior preocupación é o cuidado dos maiores e o emprego dos xóvenes, por iso asegura que son as súas dúas prioridades.

Os concelleiros de Esgos son todos do PP. Non cre que é necesaria a oposición?

Si, creo que é necesaria. No anterior mandato había representación do BNG e do PSdeG e neste foi unha auténtica sorpresa para todos, e supón unha maior responsabilidade. A oposición é interesante si é constructiva e creo que é necesaria para evitar que o goberno se relaxe.

Pensa que repetirá o resultado?

É difícil, aínda que non digo que non pase, pero nesta época de crise non podes axudar a todo o mundo e hai xente que o está pasando mal. Serán os veciños os que avalíen estes catro anos.

Cales foron as principais liñas de actuación deste mandato?

A apertura da residencia da terceira idade facilitou emprego para 15 persoas e as prazas están cubertas con 57 residentes. Eso foi o máis importante, xunto cos asuntos sociais ós que destinamos o 10% do orzamento sobre todo para ofrecer servizos ós maiores que necesitan atención e pasan por unha época complicada, e tamén as actividades para os nenos.

Que proxectos ten agora para Esgos?

Estamos traballando na creación dunha escola infantil xunto con Baños de Molgas e Paderne. Pensamos que entre os tres é máis doado conseguila. Agora estamos coa compra do terreo e penso que nun par de anos estará funcionando. Tamén está en proxecto unha biblioteca con centro de informática, para o que xa dispomos de unhas palleiras cedidas por un veciño, ademais de un velatorio e seguir mellorando os servizos sociais e os programas para a xuventude e os nenos.

Cal é a maior carencia?

O transporte metropolitano e fixar poboación. Polo transporte sigue a loita que se iniciou fai tempo e en canto á natalidade, en catro anos crecemos máis do 2%, e intentaremos que siga aumentando por iso queremos facer a gardería.

Cales son os piares económicos de Esgos?

O turismo e os servizos. Temos o Mosteiro de Rocas, que recibe 40.000 visitantes ó ano e estamos na Ribeira Sacra. Eso témolo que aproveitar porque o noso concello é o máis visitando de toda a Ribeira Sacra. Hai que intentar a creación de empresas relacionadas co turismo: produtos típicos, tendas, máis servizos, negocios de todo tipo en torno ó turismo.

San Pedro de Rocas é dese xeito a xoia do concello. Pensa que conta co apoio necesario das institucións?

Creo que si, tanto por parte da Deputación coma da Xunta. Levamos colaborando 18 anos desde que se empezou a recuperar. Fíxose un centro de interpretación e creouse unha ruta de sendeirismo, que está homologada desde fai 17 anos. Este ano temos a carreira de montaña de España na que participarán sobre 1.000 persoas. Nós estámolo promocionando porque é o noso emblema. Esgos xira moito en torno a Rocas.

Que suporía para o seu concello a declaración da Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade?

Eso sería vital para os 12 concellos de Lugo e os 8 de Ourense. Implicaría axudas pero tamén obligacións de mantelo todo mellor, máis limpo, con unha sinalización conxunta e coa eliminación do feísmo todo o que sexa posible. Si se consigue vai aumentar o número de visitantes e temos que poñernos as pilas todos os alcaldes, asociacións, veciños, cazadores, todo o mundo.

Te puede interesar