Abrirán tódolos domingos pola mañá para atraer visitantes ó concello

A festa de Cenlle impulsa unha ruta polas adegas

As adegas tamén ofreceron pinchos ós asistentes. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O éxito da Festa do Viño Tinto de Cenlle débese fundamentalmente á Ruta das Adegas, unha iniciativa que se puxo en marcha fai catro edicións e que impulsou en gran medida esta celebración na que se exalta o viño tinto dende fai nove anos. A asistencia á comida organizada pola comisión de festas e o Concello no pabellón do colexio público foi máis ou menos similar á do pasado ano. En torno a 600 personas degustaron un económico menú no que o tinto de Cenlle foi o protagonista.
Tamén foi protagonista o humorista Xosé Lois González, ó que se rendiu unha homenaxe pola 'traxectoria do seu personaxe O Carrabouxo, que traspasa fronteiras; como veciño que sempre presume ser de Cenlle e como colaborador coa organización da festa', apuntaba o alcalde, Gabriel Alén, recordando que a exposición das súas láminas seguirá na Casa do Pobo ata o 30 de xuño.

O que sí desbordou as expectativas foi a gran cantidade de persoas que fixo a Ruta das Adegas, coincidindo adegueiros e autoridades locais en que 'houbo moita máis xente co ano pasado'. Deste éxito da festa xurdiu precisamente un novo proxecto de seis adegas da localidade, que porán en marcha unha asociación para manter a ruta tódolos domingos pola mañá durante todo o ano.

Eles confirmaban que foron os mesmos asistentes á festa os que demandan unha ruta permanente. A iniciativa foi valorada polo rexidor como algo 'moi importante como reclamo turístico para este entorno, xa que foron os propios visitantes os que o reclaman'.

A festa chegaba a tódolos rincóns do pobo, gracias a apertura das adegas, dende o sábado pola tarde ata as 14, 00 horas do domingo. Onte aínda non se fixera pola tarde unha valoración dos litros consumidos, aínda que só na comida oficial rondou os 400.

Como complemento á oferta gastronómica houbo grupos de gaiteiros e charangas actuando en tódolos recunchos onde a xente comía, bebía e cantaba. O sábado remataba cun baile na praza do pobo e o domingo, despois da comida, coa representación da obra 'Que familia' de Atrezo Teatro, no mesmo colexio público. Entre os asistentes estiveron o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, e o delegado territorial, Rogelio Martínez, ademáis de alcaldes e concelleiros da comarca.

Te puede interesar