A Fundación Benito Losada nace para seguir os proxectos que creou

Un grupo de amigos de Benito Losada reuniranse hoxe, ás 18 horas, na Casa da Xuventude para iniciar a constitución da fundación Benito Losada. Coas Xornadas de Banda Deseñada que el puxo en marcha como telón de fondo, o espazo xuvenil acollerá a familiares de Losada e a representantes de institucións, colectivos ou empresas ligadas ó seu percorrido vital.
O proxecto que xurda da reunión de hoxe terá como obxectivo a 'preservación dos legados de Benito Losada', así como a difusión do 'modelo de intervencións participadas que fundamentou, desenvolveu e consolidou', segundo cita un comunicado firmado por Xosé Lois Vázquez e Xavier Paz, promotores da iniciativa. Ademais das Xornadas de Banda Deseñada, que se desenvolven ata o día 18, os amigos do que durante anos foi director da Casa da Xuventude comprométense a salvagardar tamén o Outono Fotográfico. Ámbalas dúas constitúen as dúas 'creacións das que estaba máis orgulloso', aínda que os promotores tratarán de engadir na medida do posible a Bienal de Caricatura.

A estructura xurídica operativa da próxima institución basearase, ademais, 'sobre outra iniciativa' que se presentará esta mesma tarde. Deste xeito, a fundación Benito Losada nace 'do seu propio legado', contribuíndo á súa continuidade como 'referente fortalecendo a xusta presencia de Ourense' en Galicia.

Te puede interesar