CRÓNICA

Galegos de ouro no “Centro Orensano” de Newark

O "Centro Orensano" de Newark (EEUU), fundado hai cincuenta anos para atender á numerosos galegos que chegaban a Nova York, acaba de recibir a Medalla de Ouro da Emigración.

Nunca estivo mellor escollido un ministerio para entregar unha medalla: o de Traballo. E é que se algo fixo o “Centro Orensano” de Newark -chámase así, en castelán- foi dar traballo a milleiros de galegos que chegaban a Nova York sen máis fortuna que o que levaban no peto.

Foi fundado hai 50 anos por uns cantos galegos que quedaban aquí polas tardes para xogala partida como contaba no seu discurso o actual presidente Luis Barreiros. E desa partida xurdíu unha das asociacións máis potentes da diáspora galega.

Daquela, a mediados do século XX, había traballo para todos os que chegaban. Os papeis non eran un problema se conseguías “caer do barco”. Unha vez en terra o duro non eran as autoridades americanas -que facían a vista gorda con tal de que produxeras riqueza para o país- o duro era a competencia cos outros inmigrantes, italianos os máis, que andaban a pelexar polos mesmos territorios que os galegos. E en Newark, abofé que gañaron os galegos.

Esta fin de semana, co gallo da festa do Pote e a entrega da Medalla de Ouro, reuníronse máis de 300 persoas no centro para comer un cocido e falar das súas cousas. Moita xente de Ribeira, de Muros, de Noia, de Ourense tamén. Sensación estraña a de estar a 6.000 kilómetros de Galicia e escoitar galego por todos lados. Agradable sen dúbida. Xuntáronse ata catro xeracións da mesma familia, moitos dos cativos non pisaron nunca Galicia, pero xa comenzan a falar galego. “Ensinámosllo na casa, como debe ser”, comenta unha das pioneiras do centro. Non hai escolas de galego, pero como se as houbera.



As razóns

Por todo isto e máis, lle foi concedida a Medalla de Ouro da Emigración a este feixe de galegos que conseguiu facer unha pequena Galicia fóra da súa casa. Esta é unha colonia que só se entende desde o corporativismo, por así decilo. Os pioneiros, os que lograban facerse un oco ían tirando dos séus -que non tiñan moito porvir na Galicia de entonces- e ao chegaren aquí traballaban para eles. Círculo pechado. Sen inxerencias de italianos ou irlandeses. Os galegos cos galegos e para adiante.

Así se forxou a historia desta comunidade de Newark e así se explica por qué hai vilas, costeiras na súa maioría, con moitísima xente emigrada aquí. A construcción, os traballos de carga e descarga nos peiraos e a restauración, foron os eixos nos que se sostivo esa xeración de aventureiros galegos.

Iso sí, 50 anos dan para moito e o panorama agora e ben diferente. A finais dos 80, principios dos 90 parou o pingueo -incesante ata daquela- de galegos que viñan probar fortuna a América. Mellores condicións de traballo en España e uns controis máis estrictos por parte de inmigración, son algunhas das causas. Digamos que Estados Unidos aplicou con éxito o seu win-win (gaño eu-gañas ti) coa emigración. Mentres faga falta man de obra e haxa xente de fóra disposta a traballar… que veñan! Nos gañamos, eles gañan. E cando xa non faga falta, pechamos a billa. A ponte de Brooklyn ou o mesmísimo Empire State son testemuñas desta política migratoria con galegos implicados en ambos casos.

O Centro Orensano de Newark viviu nos anos 80/90 a súa época de máximo esplendor. Hoxe segue a ser un centro senlleiro pero “xa non hai o traballo que había antes” asegura o presidente. Isto xunto con que moitos fóronse achegando a Manhattan fixo que a poboación galega deminuira e se espallara polo Estado de Nova York. Así é todo, como se puido comprobar, a tradición segue viva, e hai unhas cantas xeracións máis de galegos garantidas nesta vila da ribeira do Hudson. De feito, é máis que probable que o vindeiro alcalde da cidade sexa por primeira vez un galego. O primeiro alcalde galego da historia de Estados Unidos, aí é nada. Cousas que pasan en Newark.

Te puede interesar