CONCERTO

Galeguizar os clásicos do blues

Blues do País

Cancións para traducir a música negra do blues e do soul á realidade galega, con grandes doses de retranca conforman Blues do País.

Blues do País naceu coa intención de "galeguizar a realidade americana", versionando os grandes clásicos do blues e do soul. Este mércores visitan a Arca da Noe para repasar os seus traballos "Bateas no Mississippi" (2012) e "Ruta 120" (2016).  

Esta galeguización fixo que a vocalista do grupo Iseo Agilda sexa Bieitta James, un claro homenaxe a Etta James, mentres que o guitarrista Brais das Hortas interpreta a Pepe King, facendo alusión ao artista B.B. King.

As súas versións van máis aló da simple tradución e establecen un paralelismo entre a música negra do soul e do blues coa antropoloxía galega, todo isto engadindo grandes doses de retranca. "Nunha tentativa de celebrar a nosa galeguidade traducimos o blues á propia ideosincracia galega", explica o guitarrita de Blues do País, Brais das Hortas.

"Comprobamos que os escravos dos campos de algodón, ao igual que os galegos escravizados polo rural galego, nunca permitiron que lle quitaran as ganas de ser felices e pasalo ben", indica o guitarrista.

Pero Blues do País non só é música. Se algo caracterizou as súas actuacións ao longo dos catro anos de vida é o carácter festivo que adquiren as súas actuacións. "Moita xente ven aos nosos concertos polo xogo escénico que creamos, ben en modo clown ou de xeito teatral, así como pola improvisación e espontaneidade que define as nosas actuacións", sinala Brais das Hortas.Ese formato tan adaptable e "imaxinable" levou a Blues do País a actuar en sitios tan inverosímiles como nun aparcamento, nun barco ou mesmo nun carro de bois. 

Coa mirada posta na creación dun novo repertorio co que sorprender ao seu público, no que comezarán a traballar na vindeira primavera, Blues do País atópase en plena despedida dunha etapa. Unha das últimas citas é este mércores na Arca da Noe, un lugar "especial porque simboliza esperanza e ilusión do rural galego".

Lugar: Arca da Noe, Vilar de Santos

Data e Hora: mércores, 5 de decembro, ás 22,00

Te puede interesar