Diarios do pasado

Gran túmulo megalítico

A Mota Grande d.jpg_web
photo_camera A Mota Grande de Verea en 1990.

Os dolmens son enterramentos prehistóricos. Construíronnos xentes neolíticas, campesiños que como noutros lugares de Europa, poboaron as terras ourensáns hai máis de 6.000 anos. Edificaron os dolmens para enterrar os seus defuntos. As cámaras funerarias megalíticas, feitas con grandes lousas de pedra, están cubertas por un túmulo, unha amontoamento de terra e pedras. Moitos megálitos deixaban o dolmen oculto no interior desas masas tumulares, coa excepción da entrada. Na cultura popular galega a cámara soe chamarse anta, arca, casola ou casiña. Os túmulos coñécense como mámoa, medorra, medoña ou mota. Estes nomes, algúns soaranlles, conserváronse na toponimia, e non poucas veces axudaron aos arqueólogos a descubrilos

Pola súa grandiosidade sabemos que non eran simples sepulturas, que aqueles primeiros arquitectos da prehistoria os concibiron como monumentos. Porque monumento en unha palabra que ven do termo latino moneo, que significa lembrar, advertir ou comunicar. Con iso os construtores de megálitos quixeron, por medio deles, perpetuar eternamente a memoria dos seus antepasados. Pero diso falaremos noutra ocasión. Xunto cos dolmens erguéronse outros monumentos megalíticos: os menhires, grandes pedras fincadas no chan, e o circos líticos ou cromlechs. Uns e outros son, polo que sabemos, pouco numerosos, sobre todo se os comparamos co elevado número de dolmens que existen Galicia. Dos megálitos que coñecemos na provincia de Ourense, o máis grande é A Mota Grande de Verea, situado na penechaira da Serra de Leboreiro, a escasos metros da fronteira con Portugal. Alí, na Baixa Limia, catalogaramos máis de duascentas mámoas, que agora vostedes xa saben o que son. A grandes trazas, as súas características (forma, tamaño ou tipos de cámaras) son semellantes aos dos resto de Galicia e do norte de Portugal. Para que se fagan unha idea sobre a enorme variedade que presentan estes sartegos megalíticos, podemos ver a gran diferencia de tamaño entre dous monumentos con dimensións excepcionais, case extremas: unha das mámoas do grupo de Fonte do Bido, tamén en Verea, ten un diámetro na base do túmulo que non chega aos de 8 m, o que contrasta cos 52 m da Mota Grande. Pero as dúas son excepcionais entre as mámoas desta comarca, dado que a inmensa maioría dos túmulos miden entre 10 e 20 m, que é tamaño máis recorrente. Agora xa non temos dúbida de que a Mota Grande de Verea é excepcionalmente grande.

Os datos que lles acabo de dar son indicativos, pero aínda hai outro que o supera. Antes lles dicía que os megálitos son monumentos, que naceron para anunciar a súa presenza no territorio. E esa capacidade depende, xunto co lugar no que se construíron, do tamaño que teñan. Os arqueólogos decatámonos entón de que as matemáticas permiten valorar a monumentalidade, porque as mámoas xeometricamente aseméllanse a un casquete de esfera. Polo tanto é posible medir os seus volumes, os seus tamaños construídos, cunha aproximación aceptable e comparalos entre si. Anos atrás mediramos o volumes das mámoas da Baixa Limia. Case a metade tiña entre 50 e 150 m3 de tamaño, o que parece ser o patrón ou tipo máis común. Pois ben, agora que sabemos iso, lles direi que a Mota Grande de Verea ten case 4.000 metros cúbicos , multiplicando por vinte e cinco a media máis optimista das que estudamos. A Mota Grande, estadística e obxectivamente é, en efecto, moi grande con respecto aos que o acompañan na comarca. Visible dende distancias moi longas, atrae a atención sobre unha paisaxe de Ourense e do norte de Portugal amplamente colonizada por monumentos megalíticos dende o Vº milenio, aproximadamente a partir do 4300 AC.

Te puede interesar