A historia de Manoliño Nguema regresa a Ourense dentro do OUFF

A súa proxección inclúese dentro do ciclo Panorama Galicia

Manoliño Nguema” chega hoxe á cidade das Burgas dentro da programación do ciclo Panorama Galicia do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. Roi Carballido e María Becerra, produtores do documental atenderon aos medios esta mañá en rolda de prensa.

A produtora comezou falando sobre a orixe do documental que “xurdiu nun taxi, en Guinea Ecuatorial, onde o director e a guionista coñeceron a Marcelo cantando o himno galego por pura casualidade. El está considerado o pai do teatro no seu país, tivo unha escola de circo con máis de 150 nenos pero no fondo sempre se sentiu galego”. Porque o protagonista, Marcelo Ndong, viviu moitos anos en Ourense e formouse na escola do Circo de los Muchachos en Benposta.

“Marcelo ten unha filosofía de vida de vivir no presente. Cando lle comentaron que queriamos facer un percorrido pola súa vida non lle pareceu importante e, de repente, empezamos a recibir material moi interesante. Por exemplo, falaba de cando estivera na casa de Chaplin sen darlle importancia” comentou María Becerra.

A historia de Marcelo Ndong, artista africano de sesenta anos formado en España, que agora dirixe unha pequena gardería en Malabo (Guinea Ecuatorial) centra “Manoliño Nguema”. O documental sobre o actor, circense e escritor deténse nun dos últimos proxectos do artista, unha obra de teatro cunha trama moi especial: a súa propia vida. O veterano artista regresa así a Ourense, a lo menos na pantalla, depois de chegar á cidade das Burgas en 1969. Por entón tiña 14 anos.

Te puede interesar