Están cubertas de cal e a súa restauración terá un coste de 20.000 euros

A igrexa de Osmo deixa á vista as súas pinturas

Retablo da Igrexa de San Miguel de Osmo, no Concello de Cenlle. (Foto: MIGUEL ÁNGEL.)
A restauración das pinturas do muro norte da nave e da sacristía da Igrexa de San Miguel de Osmo culminará os traballos da rehabilitación previa que se executou no edificio e que consistiu na reparación do falso teito entroutras melloras, para as que contribuiron os veciños, a Deputación e a Xunta.
A próxima inversión, segundo confirmou onte o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, durante unha visita ó templo, ascende a 20.000 euros. As pinturas murais están recubertas por unha capa de cal, polo que se prevé facer unha delimitación da superficie polícroma, desencalado, fixación de policromías, limpeza e reintegración cromática; así como a consolidación dos soportes, saneamento e reintegración dos morteiros desta área.

Unha vez realizada dita intervención, quedará aínda pendiente a recuperación e restauración do retablo pétreo.

Un segundo proxecto no que traballa a consellería ten que ver coa restauración das pinturas murais do ábside da igrexa de San Clodio. O obxectivo desta intervención sería dar visibilidade ás pinturas da parte circular e semiesférica do ábside, favorecendo a súa conservación. Neste sentido o conselleiro salientou o valor do conxunto conformado por este mosteiro e a ponte medieval, declarados Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931, e sinalou a oportunidade que supón para a comarca como atractivo turístico de relevancia. Non obstante, puntualizou que este traballo está en función da disponibilidade orzamentaria.

Te puede interesar