ENTREVISTA

Javier Vázquez: "Agora hai máis cabeza e sentido no grupo, amor o xusto e necesario"

crus_result
photo_camera Javier Vázquez Maneiro.

"Os Herdeiros da Crus" serán a gran atracción para o próximo OurenRock Sound.

Javier Maneiro, Tonhito de Poi, Tuchiño e Fran Velo, "Os Heredeiros da Crus", de xira con "Volta aos jaliñeiros", serán a grande atracción o próximo sábado na primeira edición do OurenRock Sound, que terá lugar en Benposta.Veñen con gañas de festa e xuran que aportarán "enerxía, diversión e un repertorio megacoñecido por todos. Que paga a pena o que pagaron pola entrada."

Un festival cen por cen galego, ¿era necesario?

Estamos nun momento no que en Galicia o nivel musical é inmenso e é importante que haxa un festival que lle dé valor a iso.

O máis difícil é a promoción?

Si, estamos nun momento no que os grupos teñen que autopromocionarse. As grandes industrias, que funcionan agora, esperan a que ti fagas todo o traballo e logo eles veñen a aproveitarse de ti. O panorama está complicadísimo para a xente que empeza.

Vostedes non están empezando, ¿cómo fixeron para sobrevivir?

Creo que o fixeron os fans que deixamos no camiño cando nos separamos. Esa xente non se esqueceu de nós e foron os que pediron que volveramos a través das redes sociais. E volvemos por iso, porque os nosos seguidores de antaño así o pediron.

Por qué ese parón?

Levabamos moitos anos xuntos e igual que nunha parella chega un momento que non se leva ben, e teñen que darse un respiro para saber se realmente paga a pena seguir xuntos, a Heredeiros pasoulle igual. Cada un fixo carreira polo seu lado, e logo voltamos e fixémolo con máis forza ca nunca.

E con máis amor e paixón?

Hai máis cabeza e máis sentido, pero amor o xusto e necesario.

Era vital ter máis cabeza?

Si, cando empezamos eramos cabezas tolas e agora somos cabezas pensantes.

Que aportastes nos vosos comenzos?

Realmente, o único que queríamos era saír de festa, facer o que nos gustaba, tocar, e saír de festa. O que realmente enganchou á xente foron as nosas letras e a nosa forma  de contar as cousas, a nosa forma de escribir, e que en directo eramos un grupo que facía espectáculo, non só música.

Un concerto de Heredeiros é unha festa, ¿onde quedan as letras?

Eu creo que está equilibrado na balanza, o que din as letras e o que facemos en directo, porque intentamos facer teatrillo musical, aínda que non en todas. 

Un festival ou un concerto sós?

Eu creo que o noso espacio preferido son os galiñeiros e os cortellos. Esta xira é impresionante porque a xente está moi preto, nos festivais hai máis distancia e máis bandas, e hai que saber convivir e respetarse.

Imaxina estar sen directos?

Ningún grupo do mundo aguantaría máis dun disco sen saír a tocar. O que buscamos é o directo, de nada nos valería estar só na casa escribindo se non puidésemos  saír a tocar. Aí é realmente onde ves se unha banda é boa e trasmite.

Hai risco de que as redes fagan desaparecer a música?

Creo que non, o risco inmenso que hai neste momento é o de que teña valor a inversión que fai un grupo en grabar un disco, porque realmente os nosos gobernantes non fan nada por regular este gran universo que é internet. Mentras non se lexisle, os grupos vivimos máis de vender camisetas que de vender discos. Nada pode ser gratis nesta vida, nin siquera vivir é gratis. n

Te puede interesar