A plataforma Redelibros ofrece novidades editoriais e recomendacións

A literatura galega ten o seu propio sitio na web

Miguel Anxo Fernández firmou exemplares da súa obra. (Foto: MIGUEL ANGEL)
Maio e xuño son os meses por antonomasia das feiras do libro, tanto en Galicia coma no resto de España, pero hai un lugar onde estes eventos se suceden un día tras doutro, aínda que a forma que toman sexa virtual. Un grupo de amantes da lectura, a título persoal, puxo en marcha, hai uns seis meses, a plataforma Redelibros (www.redelibros.com/social). Entre os fundadores da iniciativa está Gonzalo Pérez, da librería viguesa Cartabón, hoxe presente na feira de Ourense.
A idea de partida era a de ofrecer unha base de datos literaria mediante unha rede social na que os usuarios compartan puntos de vista, valoracións e intereses. Neste momento, ó buscar na área de membros o servidor atopa 800 persoas rexistradas. Os seus organizadores móstranse satisfeitos co éxito acadado e 'co alto nivel cultural' que posúen os usuarios, segundo Gonzalo Pérez.

Na iniciativa virtual poden atoparse as novidades editoriais con valoracións e recomendacións ó respecto, pero o seu carácter de base de datos contará tamén con títulos xa descatalogados, dos que o usuarios escriben o seu parecer particular. Xunto a iso, Redelibros conta cun apartado no que os membros poden conseguir exemplares. O procedemento é moi sinxelo. O primeiro paso é o de rexistrarse, algo automático e gratuíto. O seguinte é votar por un dos libros como favorito dos usuarios, que ascenderá ó primeiro posto dunha lista e terá un prezo concreto de 'redepuntos'. Hoxe, esta posición tena 'Los perros y los lobos', de Irene Nemirovsky, que custa 300 redepuntos. Cada comentario e valoración aportada iralle sumando estos puntos ó usuario na súa conta. De acadar o prezo marcado, Redelibros enviaralle o exemplar gratuitamente.

Dos centos de membros cos que conta a xa plataforma, a maioría son galegos, pero os países iberoamericanos, por exemplo, tamén contribúen e mostran interese polo proxecto. A iniciativa é pioneira a nivel español e tal está sendo o seu éxito que, nas próximas semanas, os responsables de Redelibros ofrecerán conferencias na Coruña e en Santiago de Compostela.

Te puede interesar