A neta que quería ser coma o avó

20180327201923981_result
photo_camera Un dos fragmentos do espectáculo "Laia, aprendiz de maga".

San Cristovo de Cea prepárase para emocionarse cunha obra de teatro sobre as relacións familiares. Será 12,00 horas no Concello. 

Quen acude ao espectáculo "Laia, aprendiz de maga", remata chorando da emoción. A historia dunha neta e o seu avó desenvólvese nesta obra de teatro da compañía Animar-t que chega hoxe ás 12,00 horas ao edificio multiusos do Concello de San Cristovo de Cea. Unha oportunidade para acudir en familia e desfrutar da tenrura de Laia e o seu avó nun show musical de maxia con participación do público.

"Na obra queremos valorar a importancia da familia. O avó de Laia, a protagonista, remata nun xeriátrico e a nena bótao de menos", relata Miguel Strada, actor e director. A nena sente devoción polo seu avó e non pode estar sen el. En torno a estes valores, xira todo un show no que os máis pequenos teñen importancia porque participan dende o público.

A vitalidade dos avós

"Refléxase un mundo de agarimo. Laia intenta que o avó volva á casa...", adianta Strada sobre o contido da obra. A rapaza admira tanto ao seu avó que quere ser coma el, maga.

Esta unión pola arte crea un gran vínculo entre os dous, que vese truncado pola decisión do pai de internar ao avó nunha residencia. 
"Laia sente que o seu avó foi abandonado e decide facer todo o posible para que volva a casa", indican dende Animar-T.  

"Unha visión optimista da vida que mostra que con esforzo e confianza nun mesmo pódese conseguir aquilo que realmente desexamos", di o argumento deste espectáculo cheo de vitalidade para encher de maxia a Semana Santa.

"Son temas moi actuais. Os avós, por desgraza, rematan a veces nun xeriátrico. Gústanos que o noso teatro faga pensar á xente, non só entreter. Neste caso, que valoren o ámbito familiar", destaca Miguel Strada.

"Laia, a aprendiz de maga" xuntará en San Cristovo de Cea a netos e avós para emocionarse xuntos. 

Te puede interesar