A olaría fai a Xunqueira de Espadanedo a súa capital

Participantes da novena edición que arrincou onte.
photo_camera Participantes da novena edición que arrincou onte.
Niñodaguia acollerá, ata o domingo, distintas demostracións e obradoiros

Xunqueira de Espadanedo acolle, ata o domingo, o noveno encontro de cacharreiros no Museo da Olería de Niñodaguia, organizado polo Concello e coa colaboración da Xunta de Galicia. Un total de oito ceramistas galegos e un de Portugal participan nunha edición que contará, ademais, cun cesteiro e un artesán do torneado de madeira. O encontro está enfocado a impulsar a conservación e a posta en valor da olería tradicional galega, así como achegarlle á sociedade o oficio e os diferentes tipos de olería que se fan en Galicia. Así o subliñaban onte dende a Xunta, representada en Niñodaguía polo delegado territorial, Gabriel Alén.

De 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, veciños e visitantes poderán coñecer (e mercar) a obra dos oleiros locais Agustín Vázquez e Enrique Cabana; o de Buño (Malpica de Bergantiños) Fran Gorín; os ceramistas Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén), Olería do Batán (Baños de Molgas), Manuel Figueiras (Muros), Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña); así coma o cesteiro Carliños Cesteiro (Oia) e o torneiro Adrián Pena do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo). En representación da olería portuguesa participa o artesán Carlos Lima (Tondela).

A programación, que onte a noite inaugurou o concerto de Rocío Caamaño, inclúe demostracións, obradoiros abertos ao público e visitas guiadas ao Museo da Olería.

Te puede interesar