Diarios do pasado

Ondas do mar en Oira

A praia da Concha na actualidade
photo_camera A praia da Concha na actualidade

Gústame facer deporte polas beiras do Miño. Con el desfruto co transcorrer das augas, habitualmente domadas polo encoro de Velle. Unha vez que a presa hidroeléctrica lle afrouxa as rendas, o curso aínda roxe nos Cachóns, por baixo dos Canos. Os muíños derrubados na marxe dereita son testemuñas de embates furiosos, cos que nos advirte que aínda é o patriarca dos ríos galegos. Cando se altera, as ondas baten as praias da Antena e da Concha, case oculta esta última polos voluminosos recheos do paseo fluvial pouco despois do seu quilómetro 10,5. Os usuarios da ruta situarano sen problema. Aos que non, dicímoslles que se localizaba entre o illote estacional de Oira e os rápidos dos Cachóns.

Mentres camiño apresurado, observo os detalles da paisaxe. As beiras do río, as ladeiras, as terrazas fluviais, os cumios que se erguen dende o leito ata os montes que o rodean. Cerca están os xacementos arqueolóxicos do Paleolítico, evidencias da máis antiga ocupación humana deste territorio, que mesmo puidera superar os 300.000 anos. E nada impediría que o primeiro poboamento que coñecemos noutras zonas da península, aproximadamente dun millón de anos, tamén tivera presencia nestes territorios do noroeste hispánico.

Aquel tempo previo ao período actual, que rematou “tan só” hai 10.000 anos, chámase Pleistoceno. Estaba afectado por longos cambios climáticos, períodos glaciares e interglaciares que se ían alternando un tras outro. E non era só cuestión de maior frío ou calor. Nos momentos glaciares con temperaturas moi baixas, gran cantidade da auga dispoñible conxelábase. A capas de xeo íanse depositando unhas por riba das outras, ata formar masas xeadas moi extensas e altas. Os glaciares do Polo Norte, que hoxe está a sufrir unha dramática e progresiva regresión, achegábanse nas fases glaciares máis rigorosas ás latitudes onde agora radican París e Londres. O ciclo da auga (evaporación, condensación e chuvia), interrompeuse en moitas partes do planeta, co que se provocou un fenómeno que, na nosa corta vida humana, non podemos experimentar individualmente. Nos momentos de moito frío glaciar, a auga conxélase e o mar retrocedía, deixando libres extensas áreas do litoral. Son as denominadas regresións mariñas. Pola contra, nas etapas interglaciares, o xeo fundíase, liberando enormes cantidades de auga. O mar crecía, inundando áreas terrestres antes emerxidas. Este fenómeno coñecese como transgresión mariña.

Dende o remate da última glaciación, lembren, hai uns 10.000 anos, o mar subiu 41 metros. Sen embargo, en etapas interglaciares anteriores sabemos que o nivel mariño acadaba alturas moito máis elevadas. Na costa atlántica teñen aparecido praias fosilizadas a cotas de 80 e 100 m por riba do nivel actual do océano, cunha antigüidade duns 300.000 anos. Imaxinan o que iso significa? Pois que naquel entón o litoral estaba moi cerca de nós, moito máis do que pensamos. Hoxe o leito do Miño ten baixo a presa de Velle unha altitude de só 96 m, polo que seguramente o mar era quen de cubrilo, de converter esa paisaxe nun fondo de ría. Ben é certo que daquela a nosa especie, Homo sapiens, non existía. Pero aínda que non dispoñamos de datacións exactas para o val de Ourense, seguramente outros antepasados humanos xa o habitaban entón. Eran os Homo heidelgergensis, ben representados no xacemento burgalés de Atapuerca, e cuxas ferramentas si aparecen por estes pagos. Continúo o meu paseo de hoxe e os imaxino cazando, colectando froitos silvestres cando as ondas do mar acariciaban a ribeira da ría de Oira.

Te puede interesar