ENTREVISTA

Paula Barazal, de la pintura al canto

paulinha3_result
photo_camera Paula Barazal.

Confesa que pinta para si mesma, para liberarse... "coa sorte de que, ás veces semella que iso lle agrada a quen ve a miñas pinturas".

Paula Barazal sentíu dende ben cativa interese por pintar. Nas súas obras a presencia femenina ocupa un lugar destacado, fermosas mulleres de abundantes cabelos e exuberantes rasgos que se suman a imaxes de trasnos, meigas e seres da mitoloxía. Confesa que pinta para si mesma, para liberarse... "coa sorte de que, ás veces semella que iso lle agrada a quen ve a miñas pinturas". Pero non só a arte da pintura vive nesta moza, a fotografía e cantar, sobretodo en galego e portugués, son outros dos dons cos que conta.

Cando sentiu que polas súas veas corría sangue de pintora?

Non podo definir un momento concreto, esa sangue de pintora fluía ó igual que fluían e aumentaban as miñas ganas de pintar. Dende ben cativa sentín o interese por debuxar, e sempre cría que todo o mundo facía o mesmo ca min. Nunca me sentín especial por iso. Non sei explicalo...

Que é o que recollen os seus cadros?

Aínda non me podo enmarcar nun estilo determinado. Albergan diferentes cousas que me atraen, coma seres fantásticos (trasnos, meigas…), pero recollen en especial a mulleres. Gosto reparar nos detalles faciais femininos: os ollos, os beizos, o nariz, as cellas... ademais dos longos e exuberantes cabelos.

En que se inspira?

Pois sempre pensei que non había nada concreto que me inspirase, só a tranquilidade, o silencio e estímulos que percibía de aquí ou acolá, pero nunca nada específico. Pero de casualidade, descubrín non fai moito que, pode que ás veces me inspire en min mesma, nas miñas faccións faciais ou en como me gustaría que fosen. Dende logo así foi inconscientemente ata que, un dos meus sobriños pequenos, de forma espontánea lle puxo nome ás miñas mulleriñas, denominándoas: “As Paulis”. E de súpeto, sorprendida, caín na conta de que esa podía ser a súa razón de ser. 

Que pretende transmitir ao espectador con eles?

Non acostumo pintar pensando nas sensacións que ese cadro lle transmitirá a alguén. Pinto para min, para liberarme; coa sorte de que, ás veces semella que iso lle agrada a quen ve a miñas pinturas. Dende logo, suponme unha enorme satisfacción.
Ademais de pintar, tamén toca outros eidos artísticos, coméntenos...
Podería dicir que si. Agrádame especialmente cantar, dende sempre. De facto, miña nai afirma que, sen apenas ter un ano xa cantaruxaba unha canción que ela me cantaba. Pero sería a partires dos 12 ou 13 anos cando fixeron que me decatase que pode que iso de cantar non se me dera de todo mal. Pero faltoume confianza en min mesma, e ás veces aínda me falta. É por iso que só cantaba diante dos meus, e non con moita frecuencia. Do que non teño dúbida é do que sinto cando canto; abstráiome de todo o que me rodea, faime sentir especial e sempre será algo que forme parte de min. Gústame, ademais, cantar en galego e portugués.
Por outra banda, a fotografía é algo moi recente para min, gústame captar instantes reais, naturais e especiais, pero a penas estou comezando.

Considera difícil abrirse camiño no mudo da arte?

Si, moi difícil en xeral, tanto na pintura coma na música. Non aspiro a grandes fazañas neste eido, pero para min xa sería un gran triunfo poder vivir unicamente disto, do que realmente me gusta. Pero o camiño non creo que sexa moi doado. 

Cales son os principais obstáculos?

Considero que o principal obstáculo é a falta de confianza nun mesmo. Pero tamén hai que ter en conta que hai moita xente que se dedica a isto, e insisto, non é fácil sobresaír. Polo demais, os obstáculos están aí para ser superados; así que, “maloserá”!

Cales son os seus plans inmediatos?

Polo momento o que me urxe é rematar os meus estudos, e mentres, se é posible, quero seguir cos meus cadros e coas miñas cancións alí onde alguén estea disposto a escoitarme.

Te puede interesar