Pereiro terá placas solares na escola infantil e no pavillón

Instalación de placas solares. (Foto: Archivo)
photo_camera Instalación de placas solares. (Foto: Archivo)

O Pereiro de Aguiar terá placas solares para afondar na autosuficiencia enerxética tanto na escola infantil de Veiga de Abaixo como no pavillón polideportivo da Chaira. O Concello solicitou a colaboración da Xunta para a instalación das placas hai varios meses e, segundo o alcalde, Luis Menor, está “a piques de resolverse”, o cal producirá “unha importante redución nas facturas que se pagan nestas instalacións”. No caso da Veiga de Abaixo, ademais da propia escola infantil afectará á depuradora e a piscina municipal.

Estas medidas van incluídas dentro do proxecto do Pereiro para reducir a dependencia municipal e dos particulares das compañías eléctricas “para abaratar o recibo” a través da autosuficiencia enerxética.  Este é un obxectivo no que están a traballar “e que se verá intensificado nos próximos meses”, afirma Menor. 

Outra actuación  prevista é a participación no proxecto de comunidades enerxéticas para producir enerxías renovables que reduzan o recibo ata un 50%. Ademais disto, o goberno municipal segue traballando co obxectivo de cambiar a LED todo o alumeado municipal (preto de 4.000 puntos), para o cal demanda a colaboración do IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía) estatal, que “dende o ano 2021 non ten dado continuidade á liña de axudas aos concellos”. Luis Menor destacou que recentemente Pereiro ten cambiado a LED o alumeado na urbanización de Monterrei e tamén o do pavillón da Chaira.

Te puede interesar