Art et Alia

A pintura de arquitecto de Cabana

O artista na inauguración.
photo_camera O artista na inauguración.

O artista coruñés Óscar Cabana Picado (n. 1980) formouse como arquitecto facendo a carreira na ETSAC da capital herculina, máis a arte tiráballe dende sempre. Comezou o desempeño da profesión da arquitectura xa antes de rematar en Arqnova Arquitectos, praxe na que foi entrando paseniño a actividade da pintura, comezando a expoñer dende 2008. Mais o ano seguinte implosionou, chegando a facer até nove mostras, ademais de participar en colectivas. En paralelo ía facendo estudos con Isabel Pintado, David Castro e Ali Ali, mestres do seu en gravado calcográfico, colaxe e xilografía, respectivamente. Esta simultaneidade de oficios mantívoa no tempo até 2016 en que a pintura é xa o centro da súa actividade cotiá. E dende ese ano, familia e dous fillos, tense entregado á voráxine pictórica e expositiva, iniciada na Galería de Arte y Moda Valben até agora que chega a Ourense para presentarse no curruncho de arte da tenda de roupa e complementos de Roberto Mariño (Verino), na rúa do Paseo. Ten amosado os seus cadros na Coruña, e arredores, principalmente, Viveiro, Vilagarcía e Monforte, ou Santiago e Pontevedra en Galicia, mais tamén en Oviedo, Soria e Madrid. 

Dende un debuxo primoroso, gusta de pintar fachadas dos edificios emblemáticos. Son retratos, na súa terminoloxía. Así na recente mostra da galería coruñesa Xerión en 2021; mais amosa tamén unha gran habilidade e mestría nas súas perspectivas urbanas e das paisaxes industriais, que sabe ler e traducir na tela con expresivos recursos. Sempre dende a escolla do branco e negro, unha elección no dependencia da reprodución arquitectónica. Así tamén en Ourense, onde se presenta con obras que reproducen a ponte vella, o claustro do antigo convento de san Francisco, e a fonte da praza do Ferro, ou senllas perspectivas da casa do concello, dende a rúa Arcediagos e baixo dos soportais da praza. Son, como se aprecia, un desenrolo do apropiacionismo da imaxe referencial dende algunhas das iconas da cidade. Fainos lembrar a Seidel quen se presentou fai dez anos pintando en acuarela casas e rúas do Ourense antigo, aínda que engadindo figuras, o que non é o caso de Cabanas, que refuga toda presencia humana, agás a das obras arquitectónicas. Ela anda agora a voltas coa paisaxe expresionista mais este artista coido que aínda lle queda treito no camiño de achar a súa voz interior máis alá da liña do horizonte, o punto de fuga, as paralelas e perpendiculares, aínda que haxa evolución dende maio de 2014 cando acadou o primeiro premio do 1º concurso de pintura rápida do concello, concursos a os que acode como aquela. Xaora os cadros están más diluídos e o debuxo pesa menos, arrastrando o artista a pintura sobre a tela na procura de que a memoria visual do contemplador faga o recheo. Pinta máis con xeso, engadindo outros elementos matéricos como area e cemento, do que resultan composicións suxestivas en branco e negro, frías e tristes pola omnipresencia bicromática malia engadir manchas dalgunha cor cálida a modo de tildes. Son recursos expresivos ao xeito dos comic-books de expresionista linguaxe dramática. O artista ten dende 2019 con outros colegas [No importa] taller creativo, unha singular empresa onde fan ademais de cursos formativos eventos culturais. Todo un exemplo.

Te puede interesar