REPORTAXE

Queixos con tradición

Ourense. 19-11-2015.Quesos Amalia. Paz
photo_camera Mari Carmen Vidal, neta de Amalia Mosqueiro, rexenta o posto número 73.

O queixo en Ourense ten nome propio: Amalia Mosqueiro. Unha tradición que se remonta aos anos 50 e que agora a súa neta, Mari Carmen Vidal, encárgase de continuar no mesmo sitio: no nº 73 da Praza de Abastos

Na década dos 50 do século pasado, Amalia Mosqueiro e o seu marido, Jesús Vidal, cumprían o seu soño: ter un posto de venda de queixos, un negocio que xa vai pola súa terceira xeración. Agora é a súa neta, Mari Carmen Vidal, a que se encarga de continuar co oficio dos seus avós, sito na Praza de Abastos, no posto número 73. Deles aprendeu a importancia que ten "coidar ben a mercancía e non enganar nunca ao cliente", di. Aínda que na actualidade comercializa con varios tipos de queixos, os que máis éxito teñen son os elaborados con leite crúa "porque non teñen nin aditivos nin colorantes". Proceden da zona de Arzúa e afirma que ningún sabe exactamente igual xa que depende da alimentación do animal e, sobre todo, "do mimo da señora que o elabora xa que se fan a man", explica. Mari Carmen lembra con emoción como o seu avó ía ata A Coruña a mercar o queixo mentras Amalia quedaba atendendo aos clientes. "Marchaba no autobús ata Melide, Arzúa e Sobrado. Despois foilles mellor e compraron un coche para ir polas feiras tamén", engade.

Mari Carmen está ao frente do negocio dende o ano 2000 e xa se atreveu a dar os primeiros saltos fóra de Galicia. Os seus queixos son demandados por tendas delicatessen de Cantabria, Gijón, Valencia ou Madrid. "Cando fago un envío fóra, dame un pouco de medo porque son productos moi delicados e una vez que chegan ao seu destino é importante que os saiban coidar ben", sinala Vidal.

A conservación do queixo merece un capítulo aparte na historia deste negocio familiar. "Na época da miña avoa, non existían as modernas cámaras coas que agora contamos. Antes os queixos curábanse debaixo da cama", explicou. Mari Carmen Vidal sempre lle lembra aos clientes que cando ao queixo lle salga "unha costra branca, os laven con auga templada e os sequen". O papel co que se envolven tamén xoga un papel clave na súa conservación. "O papel que empregramos aquí ven dende Francia e é satinado polos dous lados, é dicir, evita que os cheiros da nevera penetren no queixo", explicou. En calquera caso, aconsella que nunca se utilice papel de aluminio ou de plástico.

O seu posto é moi concurrido polos amantes do queixo, sobre todo en vísperas de festivos ou cando se aproxima a fin de semana. Os turistas que volven elixir Ourense como destino vacacional, teñen unha parada obrigatoria no seu negocio. "Xa nos coñecen doutras veces e cando veñen por Nadal ou nalgunha ponte, sempre mercan queixo", destaca. O prezo dos queixos de Arzúa ronda os 11,96 euros o quilo aínda que "sempre temos algunha oferta", di a actual xerente do negocio, Mari Carmen Vidal. Os que se acheguen ata o seu posto poderán atopar tamén queixos elaborados con leite crúa de fora de Galicia -Rei Silo de Valladolid- e feitos con leite pasteurizada. "Recomendo o que fai a factoría vilalbesa Prestes, o primeiro queixo azul que fan en Galicia", conclúe. n
 

Te puede interesar