Manuel Ojea, Catedrático de Orientación Educativa e Doutor en Psicopedagoxía

'Queremos que o autista aprenda identificándose coas accións cotiás'

Manuel Ojea, en la imagen. (Foto: LR.)
O profesor Manuel Ojea é autor do libro 'Trastorno del espectro autista de bajo funcionamiento: comunicación basada en imágenes y el acto de señalar'. O estudo, de fácil aplicación nas casas con nenos autistas, busca desenvolver neste colectivo o coñecemento do mundo a través de imaxes.
Que novidades aporta este libro no eido psicoeducativo?
É un libro para desenvolver a comunicación de nenos autistas con baixo nivel cognitivo. Cos programas que eu tiña feito sempre me dicían que determinados alumnos non daban chegado a el. Entón, decidimos facer un específico para os nenos máis baixos dentro do espectro autista; é dicir, aqueles que teñen un grado máis alto de autismo e un nivel máis baixo de comunicación. O que fixemos foi basear en imaxes reais todo o traballo de actividades cotiás. Neste libro participan nenos autistas que realizan as propias accións, nese momento eran fotografados. Esa imaxe sérvelle a quen se lle vai presentar o programa para que reciba esa información global. O seguinte paso é traballar esa acción e, por último, o neno pega unha imaxe de si mesmo realizando esa acción. O obxectivo é que se relacione a si mesmo coa acción.

Trátase entón de ensinarlles o mundo.
Exactamente. Ademais, este programa está pensado para ser relacionado despois cunha PDA, que é un dispositivo cunha memoria de ordenador dentro. Con ela se, por exemplo, un neno quere chocolate, sinala a acción e o dispositivo di “Quero chocolate”. O problema dos nenos autistas é a intencionalidade de comunicación, que non existe. Non é que non sexan capaces de comunicarse, senón que non necesitan facelo e, por iso, non desenvolven esa intención.

Cantas accións poden aprender os nenos con este libro?
Ó final recollemos 100, divididas en sete bloques: benvida, hábitos de vida diaria, deportes e tempo libre, tarefas escolares, festa, emocións e despedida. Deste xeito, o receptor vai desengranando un programa completo de actividades a través dos catro nenos autistas que participan no programa, que son de Ourense, País Vasco, Madrid e Extremadura. Despois destas accións, pasámosllo a 14 nenos a nivel internacional acompañados duns test para medir o antes e o despois. Con eles funcionou ben.

Canto tempo lle é preciso a un neno para desenvolver este programa?
Depende de cada un. Nós deseñámolo para aplicalo entre seis e nove meses, pero se o neno vai avanzando máis rápido podería conseguirse en menos. Hai que ter en conta que tampouco se trata de aplicar só isto, senón que iría complementado coas demais facetas que estea traballando cada neno. É parte dun proxecto integral.

Te puede interesar