MÚSICA

"Queremos que o Ourenrock medre, e que sexa a apertura das festas da cidade"

O OurenRock Sound xa quenta motores para a súa segunda edición, que se celebrará os próximos 2 e 3 de xuño, en Bemposta. 

Sempre estiveron ligados ao mundo do rock, movéndose entre concertos. A idea de Rubén Varela 'Gruben' e de Rubén Álvarez era a de "montar algo grande e facer de Ourense un referente na axenda dos festivaleiros". Segundo din, "aproveitaron o oco que deixaron o Derrame Rock e o Reperkusión". O OurenRock Sound xa quenta motores para a súa segunda edición, que se celebrará os próximos 2 e 3 de xuño, en Bemposta. 

Tedes comentado que “diseñabades esta iniciativa con miras a convertela nunha cita anual", e xa ides pola segunda edición. 

Si. O noso propósito é seguir facendo edicións, porque iso significaría que aumentarían as asistencias dun ano a outro, e polo tanto o cartel podería ser máis completo. A nós gustaríanos que o festival se enmarcase dentro das festas de Ourense, que fose o fin de semana anterior e que enlazase coa semana grande da cidade. Que fose a apertura das festas do concello.

Que novidades presentades?

Este ano, o venres anterior ao festival, o 26 de maio, faremos un pasarrúas. Pode acudir quen queira, co seu instrumento, para facer un percorrido polo casco vello da cidade. Dende ese día, os asistentes ao festival xa poderán acampar na zona habilitada. É unha forma de traer xente a Ourense durante toda unha semana.

Que agardades desta edición?

Do ano anterior quedounos o boca a boca, gañamos a satisfacción da xente. Sabemos, por todos os comentarios que recibimos en redes sociais e persoalmente, que a xente está moi contenta coa organización do OurenRock. Con iso asegurámonos que esa xente volva, e pode que arrastren con eles a algún amigo máis. O que esperamos é ir medrando cada ano, e para este festival agardamos chegar ás 2.000 persoas.

Cal é a vosa fonte de financiación?

A venda de entradas e os patrocinios. Este ano temos a Grupo Reboreda como patrocinador principal do festival, por iso imos habilitar unha zona exclusiva cunha mostra de viños, cunha pulpeira e carne ao caldeiro. Todo totalmente gratis, con concertos durante todo o día, a partir das 12,00 horas.

Vós mesmos recoñecedes "recoller o testemuño do Derrame Rock", cales son os pros e as contras disto?

Contras ningunha. Referímonos a que recollemos o testemuño porque seguimos un pouco esa tendencia e traemos á xente que noutros anos ía ao Derrame.

Que grupo vos gustaría que chegase a tocar no OurenRock?

Para o ano gustaríanos traer a Marea ou a Obrint Pas. Xa estamos movéndonos para conseguilo. Con grupos así poderíamos traer a unhas 5.000 persoas por día.

Que lle diríades ao público festivaleiro?

Que vaian comprando as súas entradas (risas).

Por que os amantes do rock non poden perderse esta cita?

Porque só en OurenRock van atopar un cartel coma este. 

Te puede interesar