CULTURA

Raigame céntrase nos museos e centros etnográficos ourensáns

A tradicional romaría de Vilanova dos Infantes aposta este ano pola súa internacionalización

Vilanova dos Infantes xa está preparada para acoller a decimoterceira edición da Romaría Etnográfica Raigame que se celebra co gallo da festa das Letras Galegas, o 17 de maio, nesta vila celanovesa.

Non se trata nin dunha festa istórica nin tampouco dunha feira de artesanía, xa que o concepto de Raigame é amosar os oficios vivos con demostracións do seu traballo en directo. Esta nova edición, na que a Deputación pasou de entidade colaboradora a coorgonizadora, estivo presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; a directora do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Mariló Fernández Senra, e o coordinador cultural de Celanova, Antonio Piñeiro.

Pequenos museos

Nesta ocasión, a romaría está adicada aos pequenos museos, centros ou parques etnográficos espallados por toda a provincia. Presentarase unha exposición con paneis informativos e un posto no que os visitantes poden coñecer cada unha das singularidades que as comarcas ourensás teñen no ámbito da etnografía. Mariló Fernández Senra destacou o feito de que nesta edición se faga fincapé nestes espazos da provincia de Ourense “para dar a coñecer unha oferta conxunta de todos eles co obxectivo de promocionar a inxente riqueza cultural e tradicional que temos na nosa provincia”.

O presidente da Deputación sinalou que un ano máis "Vilanova dos Infantes se converte no gran parque etnográfico de Galicia o día 17 de maio, que, ademais do Día das Letras Galegas, en Vilanova é o Día da Cultura Galega”. Manuel Baltar asegurou que “esta festa é un museo vivo e aberto o público que a Deputación de Ourense quere promover e dinamizar para seguir potenciando a alma do noso, das nosas tradicións e da nosa cultura”.

Pola súa banda, José Luis Ferro destacou que "agora chega o momento de darlle unha dimensión internacional “para o cal integraremos a Raigame na rede de romarías etnográficas de Europa e promoveremos a realización de proxectos europeos culturais para que Raigame estea presente en Europa e no mundo”.

Te puede interesar