Supón a primeira especialización en Galicia dun campus no ámbito da auga, e permitirá a sinerxia co Plan Termal

Reunión de Baltar e Mato para estudar o 'Plan Estratéxico do Campus da Auga'

 (Foto: Deputación de Ourense)
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, reuníronse hoxe no Pazo Provincial para analizar as liñas de colaboración entre a institución provincial e a académica nos eidos da investigación e do potencial termal desta provincia. Tamén falaron da probable implantación de Enxeñería Física no campus da cidade, así coma alternativas á actual situación demografica da rexión ourensana.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato presentoulle a Manuel Baltar, presidente da Diputación de Ourense, o 'Plan Estratéxico do Campus da Auga', un estudo que a Universidade de Vigo está a realizar e que suporá a primeira especialización en Galicia dun campus no ámbito da auga, algo que está directamente relacionado co carácter e potencial termal da provincia de Ourense. Este traballo permitirá no futuro crear sinerxias e puntos de colaboración co Plan Termal que está a elaborar a Deputación de Ourense e que agardan que sexa 'un referente termal de ámbito internacional'.

Baltar e Mato coincidiron na potencialidade que ten a provincia de Ourense no ámbito termal, e, segundo o presidente da Deputación de Ourense, “trátase de actuar sobre o territorio explorando, analizando e poñendo en valor unha riqueza singular como a que temos e actuar coordinadamente en colaboración coa comunidade científica do Campus de Ourense e co apoio do Reitorado da Universidade de Vigo, que, sen dúbida, contribuirá a engrandecer todas as achegas que poidamos facer para potenciar o termalismo na nosa provincia”.


Asemade, Baltar e Mato falaron da actualidade relacionada coa titulación de Enxeñería Física, tema sobre o cal agora estase á espera do informe da Axencia Galega de Calidade Universitaria para que a implantación desta titulación teña o éxito que se agarda, e que tamén estará directamente relacionada ao Campus da Auga, “o que significa un plus para a especialización universitaria de Ourense no ámbito termal”, afirma Manuel Baltar.

Finalmente, o titular da Deputación e o reitor abordaron o tema da situación demográfica da provincia de Ourense, acordando traballar coordinadamente ámbalas dúas institucións, en virtude do convenio de colaboración entre Deputación de Ourense e Universidade de Vigo para o ano 2014, co obxectivo de levar a cabo accións para avaliar e estudar o déficit demográfico da provincia e plantexar dende o eido científico e académico posibles solucións e alternativa.

Te puede interesar