Tribuna

Risco na revista Logos

Portada do boletín.
photo_camera Portada do boletín.
Os colaboradores de Logos foron principalmente intelectuais relixiosos e autores de sentimento galeguista

A revista Logos, escrita íntegramente en galego, foi editada en Pontevedra entre 1931 e 1936 con carácter mensual, aínda que pasou por periodos onde publicaríase cun ritmo trimestral e logo bimensual. Os editores deste boletín católico foron Antonio Iglesias Vilarelle e Xosé Filgueira Valverde. No xérmolo desta empresa séntese a pegada de personaxes como Losada Diéguez, Amor Ruibal, quen inspirou o nome do boletín, ou Castelao que realizou debuxos e deseñou ó fermoso profeta Daniel, o do Pórtico da Gloria, para a portada. Un erro cada vez máis reproducido fai de Ferro Couselo o seu director, cando tan só foi un dos varios colaboradores. En realidade, se quixésemos sinalar a alguén como director ou principal supervisor da publicación este sería Filgueira Valverde, quen foi ademais o que maior número de colaboracións asinou. Logos imprentábase nos talleres de Julio Antúnez, con tiradas menores ós trescentos exemplares. En total saíron do prelo 49 boletíns. Sotelo Blanco Ediciones realizou unha edición facsímile en dous volumes no 1983, con limiar do propio Filgueira sobre a historia desta revista de cultura relixiosa que vén de cumprir no 2021 os noventa anos da súa nacenza.

Os colaboradores de Logos foron principalmente intelectuais relixiosos e autores de sentimento galeguista, mais cunha perspectiva cristiá do mundo e próxima ós ideais conservadores. Neste segundo grupo podemos incluír a Vicente Risco quen achegou ás páxinas do boletín un total de cinco artigos. Se ben, no número 10 a súa sinatura vai incluída na reprodución que a revista fai da “Afirmación católica d’un Grupo de Nacionalistas”, publicada no 1931.

Nos números 18, 19 e 23 do boletín, Risco encabeza os seus artigos coa fórmula “Pensamentos en col da fé e mais da cultura”. No 18, de xuño de 1932, engade “Da renacencia do catolicismo” onde identifica as sinais do rexurdimento do catolicismo, que el observa como característica do seu tempo, xunto coas estratexias da ofensiva anticristiá principalmente vertidas dende o poder político e a ameaza marxista.

 No número 19 no que trata de “Galiza e a renacencia católica”  fala, dende a tradición celtista, da misión espiritual que ten Galicia na defensa do cristianismo. Xa no número 23 disertará sobre “Catolicismo e latinismo”, criticando ao mundo clásico e ao Renacemento mentres sinala ao medievo como contedor das esencias culturais do catolicismo. Nestes tres artigos aprécianse varios dos trazos clásicos que veñen definindo o pensamento do erudito ourensán (fervoroso catolicismo, antimarxismo, irracionalismo, sentimento da raza, galeguismo, defensa do mundo medieval, etc.).

 Coa publicación dos números 28-29 (abril–maio. 1933) Risco escribe para Logos “A Paixón de Cristo e a historia” onde analiza o feito histórico da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo como acto eterno e inmutable, que arredou ao mundo antigo do moderno.

A derradeira colaboración de  Risco neste boletín foi en 1935, no número 46. Titúlase “A vocación filosófica de Galicia” e supón a súa achega con máis páxinas. Nela debuxa puntos da actitude filosófica en Galicia “e a nosa capacidade pra o traballo especulativo”, nomeando a algún autor destacado, aínda que sexa no folclore escéptico e depositario dunha visión plenamente relixiosa e cristiá onde mellor atopamos a concepción do mundo en clave galega. 

Te puede interesar