San Pedro de Rocas vive o seu “mellor verán” en número de visitas diarias

Turistas na contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas, onte no concello de Esgos.
photo_camera Turistas na contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas, onte no concello de Esgos.

O mosteiro de San Pedro de Rocas está a vivir “o mellor verán da nosa historia”, explica o seu xerente, José Luis Domínguez. As cifras están aí, no que vai de ano, visitaron o mosteiro máis de 34.700 persoas, sendo os puntos máis fortes estes últimos meses (en xuño houbo 5.205, en xullo 7.533 e en agosto van máis de 8.200). Estas alentadoras cifras animan ao xerente a aventurar que “no que queda de agosto, superaremos as 10.000 visitas e, moi probablemente, o récord que establecemos o mes de agosto do ano pasado”. Ademais, os meses de xuño e xullo xa son os mellores da historia do mosteiro.

Ademais, estas excelentes cifras non son un fenómeno estacional, xa que veñen medrando de maneira sostida dende inicios de ano. Nos 8 meses deste 2022, non houbo ningún que baixase dos 1.000 visitantes e hai rexistros de días de máis de 500 visitantes nunha xornada. As fins de semana e as pontes festivas rexistran os maiores picos de visitas, pero os días de semana durante os meses estivais “tamén están a ser moi bos”.

Reclamacións

O transporte é unha das clásicas reclamacións que fan dende a xerencia do mosteiro. Domínguez incide en que “hai días nos que as aglomeracións de coches son insostibles” e propón unha solución que xa se adoptou noutros puntos da mesma Ribeira Sacra, como en Parada de Sil: un bus lanzadeira que leve aos turistas ata o mosteiro. Segundo Domínguez, “axudaría a mellorar a xestión das visitas e melloraría o noso producto, xa que, ao non ter un control, pode que haxa horas nos que se xuntan cinco autobuses e outros momentos nos que estamos máis descargados. Se houbese un mellor control, ademais de evitar as aglomeracións de coches, melloraríamos a experiencia dos turistas, podendo asignar guías a cada un dos viaxes que subira no bus lanzadeira”.

Algunha outra reclamación que fan dende a xerencia é a mellora das infraestruturas xerais, como as hoteleiras. Domínguez manifesta que “non é normal que en Luíntra haxa un só hotel co volume de turismo que temos”. 

Recuperación do turismo internacional

Jose Luis Domínguez, sobre o perfil do visitante, apunta un cambio da tendencia respecto ás boas cifras do ano pasado: “O ano pasado case todos os turistas eran españois, e este ano notamos que hai moitísimos visitantes que chegan do Reino Unido, de Francia, Italia, China ou Polonia”. Ademais, esto provoca un cambio no perfil do visitante, xa de por si bastante heteroxéneo (a este conxunto artístico acoden dende parellas de xente nova ata familias ou excursións).

Moito do éxito de San Pedro de Rocas tamén se debe á súa recente exposición nos medios de comunicación. “Moitos visitantes coméntanos que non coñecían esta zona e que, grazas a que saíu en diferentes programas de televisión, decidíronse definitivamente a vir”, explica o xerente. Ademais, esperan que “a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco sería un gran pulo para nós, porque ampliaría a nosa repercusión por todo o mundo, xa non só en España”.

Te puede interesar