CRÓNICA

Seixalbo estrea o seu entroido de verán

Seixalvo. 03-09-16. Local. 1ª Romaría de disfraces en Seixalvo.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera "Políticos" de diversos "partidos" foron capaces de acadar pactos que os de verdade non consiguen

A comisión de festas de Seixalbo decidiu organizar a "I Romaría de disfraces", unha actividade de confraternidade veciñal na que o humor político non faltou para animar ao máis de 500 veciños que acudiron á cita. 

Imaxinación, creatividade e gañas de troula foron os ingredientes precisos para que o barrio de Seixalbo celebrase, aínda que fose a 32 grados, o seu entroido de verán. A comisión de festas deste ano apostou por organizar a súa I Romaría de disfraces, unha festa adicada a tódolos residentes pero, sobre todo, á mocidade que decidiu estos días ficar na cidade en lugar de irse á praia.

Unha actividade de confraternidade marcada no calendario dos veciños, que xa empezaron a colaborar na súa organización dende o pasado Entroido. Á cita foi un éxito, asistindo máis de 500 persoas á festa e sobre 250 á cea.

Aínda non eran as 18,30 horas e os participantes xa estaban concentrados nos Barreiros para comezar todos xuntos a percorrer as rúas e canellas do pobo. Da música encargouse a Charanga XL aínda que o ambiente xa estaba animado. Víronse disfraces para tódolos gustos, dende os máis orixinais ata os menos logrados, que non pasaron desapercibidos para os veciños que se atopaban na Praza Maior, que se converteu onte nunha improvisada pasarela na que o xurado tomou nota para premiar as vestimentas máis representativas diseñadas para esta ocasión.

Despois de desfilar, tocaba repoñer forzas na praza do Calbildo a base de polbo, churrasco, viño e pan. Foi entonces cando os veciños se atoparon con cinco homes moi peculiares que dicían ser os dirixentes do novo goberno de emerxencia nacional, imposto dende Alemaña. Así que aos participantes non lles tocou outra que compartir banquete con Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Mariano Rajoy, Albert Rivera e Xosé Manuel Beiras, os cales  interambiaron impresións co resto de comensais sobre a situación política do país. O humor político, por suposto, non faltou na cea de confraternidade, que estivo amenizada polas charangas Europa e Sorcha, formada por músicos de "A Lira" de Ribadavia.

Despois da enchenta, era turno de queimar as calorías gañadas así que os participantes voltaron á Praza Maior acompañados dos grupos de música para disfrutar ata ben entrada da madrugada coa disco móvil "Show".

Te puede interesar