Seixalbo troca bica por arepas: “É unha festa da integración”

Os participantes da xornada de convivencia desfrutando da gastronomía.
photo_camera Os participantes da xornada de convivencia desfrutando da gastronomía.
O mes cultural deste núcleo ourensán celebrou unha convivencia con 107 persoas recén chegadas de Colombia, Venezuela, Senegal, Guinea, Marrocos, Arxelia, Armenia, México e Brasil

Hai xa unha década que Marisol, veciña de Seixalbo e membro da asociación cultural San Breixo, ideou unha xornada de convivencia intercultural para dar a benvida aos centos de migrantes que cada ano chegan a Ourense en busca dun futuro mellor. Coa colaboración da Fundación Juan Soñador, que traballa con estas familias estranxeiras recén chegadas á cidade, Seixalbo celebrou onte a súa convivencia intercultural. Música, danza e gastronomía protagonizaron o encontro dos veciños da vila cos novos ourensáns: en dous autobuses chegaron ata 107 inscritos dunha ducia de países. Colombia, Venezuela, Senegal, Guinea, Marrocos, Arxelia, Armenia, México e Brasil son as nacionalidades dos asistentes á festa que tivo o momento álxido na Praza do Cabildo.

Nenos e maiores de Seixalbo uníronse a esta xornada de convivencia con outras familias de adultos e rapaces que, primeiro, fixeron unha ruta guiada pola vila. Despois, compartiron os seus pratos típicos coa xente. Os de Seixalbo aportaron os seus pementos, a súa bica e a empanada. “O que queremos é integración, que esta xente que acaba de chegar a Ourense se sinta arroupada”, contan desde a asociación cultural San Breixo, que organiza a actividade. Precisamente é unha das máis importantes do Mes Cultural que tradicionalmente celebran no mes de setembro, cunha axenda repleta de actividades e sen apoio da administración.

A batucada, a gaita, o tamboril e a ilusión dos participantes completaron a xornada de festa en Seixalbo, que non se desanimou coa meteoroloxía adversa

Te puede interesar