Os socialistas de Pereiro piden unha adaptación das piscinas

O PSOE de Pereiro de Aguiar reclama adaptar as piscinas municipais ubicadas na urbanización da Veiga de Abaixo, para que todas as persoas con dificultades de mobilidade ou discapacidade, poidan gozar delas durante o período estival, ao igual que fan o resto de veciños. O voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, resalta que “as persoas con discapacidade ou problemas de mobilidade conforman un grupo vulnerable e numeroso”, ao que a sociedade “mantivo habitualmente en condicións de exclusión”. Isto provoca, desde hai tempo, unha “restrición dos seus dereitos básicos e liberdades”, condicionando ou obstaculizando o seu desenvolvemento persoal, así como “restrinxido considerablemente o goce dos recursos e servizos” dos que dispoñemos todas as persoas.

A solicitude rexistrada polo grupo socialista de Pereiro reclama concretamente que “se proceda a adaptar as piscinas municipais a usuarios e usuarias con mobilidade reducida ou discapacidade, e que realicen cantas xestións sexan necesarias, no seu caso, para a súa execución”, nesta instalación da urbanización da Veiga de Abaixo. Ademais, os socialistas recordan que esta piscina é a única alternativa pública no municipio de Pereiro para  o baño da veciñanza ao estar pechadas as instalacións de Monterrei.

Te puede interesar