La Región regala o vindeiro domingo a lámina que reproduce o cuadro 'Jazz en Streckstrump', de Virxilio, unha obra que reflicte un universo puntillista cheo de manchas de cor, que lembran a súa etapa teutona.

Virxilio, excelso a rabiar

Imaxe do cuadro que La Región regala este domingo co exemplar do periódico. (Foto: )
I nternarse na pintura de Virxilio Fernández Cañedo, 'Virxilio' (Ourense, 1925), é como escoitar as fermosas partituras da natureza, como introducirse nun dos nosos bosques e deixarse levar polos sons e as formas cheas de matices. Neses enunciados descubrimos unha beleza plena que zumega nostalxia, unha dicción que recrea momentos que nos retrotraen a outros tempos; é inevitábel, sobre todo, cando o pintor gozou dunha vida tan rica, con amizades ben gañadas.
'Máis ca nunca', o artista sempre di o mesmo, non se bromea coas cousas serias, e o traballo é algo moi serio: el sempre está a traballar. O vello lobo de mar segue altivo outeando o horizonte á espera de ventos favorábeis, os ollos iluminados e a gorra en riste, non mariñeira pero case, quizais rememorando aqueles anos mozos nos que o futuro lle debuxaba un destino transoceánico. O neno segue coa mesma ilusión de sempre, así ten que ser, os ollos dun neno sempre deben estar iluminados polo porvir. Ollos como luceiros que ao resto dos mortais nos iluminarán o camiño.

Quedarse na superficie das cousas é perigoso, non se pode vivir toda a vida lambendo as mesmas feridas, salvo que estas sexan excelsas, sublimes e marcadas polo misterio. Virxilio é un artista temático, un debuxante fantástico que atopou na superficie das cousas a clave da súa creación; quen mire cara esas formas sinuosas de cores acendidas e rostros redondeados xa non as esquecerá nunca. Xeneroso coa materia converte cada enunciado pictórico nunha sorte de escultura bidimensional; baixorrelevos tan recoñecíbeis que o engarzan co máis salientábel da tradición pictórica galega. Táboas cheas de pintura e filigranas barrocas na procura do momento para relatar unha atmosfera plena. Unha pintura que cando a atravesamos coa mirada temos a impresión de conectar co mellor da escultura de Faílde, co xesto vibrante de Seoane, a descrición de Colmeiro, e tantos e tantos outros, porque se todos nós somos memoria, para que Virxilio puxera en pé este exercicio de narratividade envolvente, tivo que mamar das mellores fontes. A pintura de Virxilio é hipnótica, atemporal, xamais simple. Unha obra preñada de historias que o autor gusta de repetir, pintor temático que dirían os antigos, unha obra que de simple poderíase liquidar dun plumazo, ao mesmo tempo que se nos deixamos atrapar polo seu laberíntico trazado lineal, como esta de 'Jazz Em Strekstrump', a lámina que temos entre mans -froito das estadías en terras teutonas que o acercaron ao mundo e o fixeron máis sabio- teremos traballo dabondo. Nesta obra descubrimos un universo puntillista e escenográfico, cheo de luces e manchas de cor que recrean unha atmosfera que el viviu si, pero que despois o perseguiu a el dun xeito idealizado.

Hai moitos Virxilios, cadaquén terá o seu preferido, a estas alturas non vou descubrir nada novo. Atopamos o costumista das vendimadoras e mariñeiros; o urbano, das escenas de terrazas e de jazz; o dos bodegóns e paisaxes, a quen non lle impresionan esas plumillas tan exquisitas! o precursor do informalismo en Galicia, o magnífico cartelista; o máis sensual, a través das mulleres espidas, aínda que explícita ou non toda a súa pintura zumega sensualidade, un don que lle é innato.

Te puede interesar