A Xunta prepara a declaración de 'Ourense provincia termal' cun plan supervisado pola Deputación

Baltar retoma o patrocinio de feiras de Expourense con 10.500 euros para a feira Termatalia, que a delegacións de 30 países


A Xunta prepara a declaración de 'Ourense, provincia termal' cun plan provincial de termalismo que elaborará coa supervisión técnica da Deputación Provincial e contando co estudio termal xa realizado, para sumarse así á declaración de 'Ourense, cidade termal de Galicia', aprobada en 2008.

En rolda de prensa, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, explicaron que a institución provincial, tras 'abandonar o padroado de Feiras e Exposicións de Ourense pola conxuntura económica, reinicia a súa participación puntual', coa achega de 10.500 euros para a feira Termatalia, que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense entre os días 20 e 22 da próxima semana.

Baltar anunciou ademais que, en virtude dun convenio de colaboración, a Xunta elabora un Plan Provincial Termal para Ourense 'que é supervisado polos técnicos da Deputación, en conversacións continuas co equipo redactor para achegarlles todo o xa feito polo Inorde no seu estudio termal de toda a provincia'.


DIAGNOSE

Segundo o presidente da Deputación, o plan desembocará na declaración de Ourense como provincia termal e desenvolverase en dúas fases, unha de diagnose e inventario termal, e unha segunda que será un plan director para fixar prioridades, investimentos e posibilidades da iniciativa privada para desenvolver actuacións neste ámbito, ademais de relanzar o Instituto Termal de Galicia, que conta xa con instalacións inauguradas en O Carballiño pero sen actividade.

Baltar espera que o plan estea rematado a comezos de 2014 aínda que, segundo dixo, a Deputación segue coas súas achegas como os investimentos previstos no balneario de Cortegada e o impulso o termalismo social que 'garanten un fluxo de visitantes continuo aos balnearios'.

'A Xunta entende que o termalismo nos distingue fronte a outras provincias e impúlsao deixando aparte calquera loita política ou partidista', rematou.


FEIRA

Pola súa banda, Rubín detallou algúns aspectos da feira Termatalia, como a presenza de delegacións de 30 países que poderán coñecer, xunto cos centos de visitantes previstos, como é un balneario a través de 600 metros cadrados de espazo de Expourense.

Todos os equipos dun balneario estarán en funcionamento, o que permitirá, por exemplo, poñer en práctica actividades como fisioterapia acuática ou enmarcar outras como as visitas a San Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas, na Ribeira Sacra, ademais do balneario e o museo Moncho Borrajo de Baños de Molgas, segundo detallou.

Aludiu aos patrocinadores principais para debullar achegas económicas como a da Xunta, de 75.000 euros; o Concello de Ourense, de 25.000 euros, ademais de infraestruturas e outras colaboracións, e os 10.500 euros da Deputación, aos que se suman numerosos colaboradores.

Te puede interesar