O 50% dos galardoados este ano coa Medalla de Ouro son mulleres

Jesús Caldera entrega a Medalla de Ouro ao Mérito ao Traballo a Isaac Díaz Pardo e Pilar Valiño

Isaac Díaz Pardo mostra o galardón.
O ministro de Traballo, Jesús Caldera, impuxo na Coruña a Medalla de Oro ao Mérito no Traballo a Isaac Díaz Pardo e Pilar Valiño Pérez, despois de que o Consejo de Ministros do pasado 7 de decembro así o decidise. Caldera sinalou no seu discurso que esta distinción pretende premiar e destacar o mérito dunha ‘conduta socialmente útil e exemplar’ no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo ‘que a sociedade debe recoñecer’.


O ministro de Trabajo resaltou o feito de que esta condecoración conta cun 50 por cento de presenza feminina e se mostrou ‘orgulloso’ de que a muller ‘alcanzara a xusta e efectiva igualdade que lla debía’, grazas, entre outros motivos, á posta en marcha da Lei de Igualdade da que asegurou sentirse ‘moi, moi, moi orgulloso’.

Así, recordou que en 2005 o 35 por cento dos galardoados con esta medalla foron mulleres e o 45 por cento en 2006, ata alcanzar o 50 por cento nesta edición, un ‘grande avance con respecto ás anteriores lexislaturas’ nas que a presenza feminina se reducía ao 11 por cento.

Finalmente, Caldera mostrou o seu ‘interese persoal’ por acudir ao lugar de residencia dos galardoados ‘máis que como deferencia, como obriga fronte aos que nos deron un exemplo co seu traballo’. ‘En días como estes coa axenda política quente resulta prácido e grato acudir a este acto’, recoñeceu.

Díaz Pardo agradeceu a distinción a todos os presentes ‘e mesmo ao Rei que parece ser que asinou na concesión’ e avanzou que a medalla será para el ‘un avance do moito que queda por traballar aínda’ pois, segundo recoñeceu, ata agora ‘o que máis traballo’ lle custou foi ‘facer traballar aos demais’.

Pola súa banda, Pilar Valiño mostrouse ‘moi nerviosa’ polo recoñecemento e manifestou ‘a satisfacción’ que esta distinción a producira, polo que agradeceu de xeito individual ao alcalde da Coruña, Javier Losada; ao delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; e ao ministro de Trabajo, Jesús Caldera, esta medalla.

Na edición deste ano están representadas todas as comunidades autónomas e outorgáronse medallas a un total de sete empresarios, un líder social, nove educadores e académicos, dous profesionais superiores, nove traballadores e seis traballadoras da cultura e a arte.

BIOGRAFIA.


Isaac Díaz Pardo naceu en 1920 en Santiago de Compostela. Dende moi pequeno frecuentou o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor, cartelista e escritor, no que se celebraban reunións galeguistas. Os sucesos da Guerra Civil española acabaron coa vida de Díaz Baliño, xusto cando Isaac cursaba os estudios de bacharelato e proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Este feito frustrou as súas expectativas de estudar, e empezou a traballar como rotulista nunha industria coruñesa de pintura industrial.

Rematada a guerra, ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando, para despois viaxar cunha bolsa a Roma, Florencia, e Siena.

Pouco despois cubriu un cargo de profesor auxiliar de debuxo, na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi, de Barcelona. No ano 1948, abandonou a dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra de ceramista, montando unha planta industrial no Castro de Samoedo, nas proximidades de Sada, Cerámicas de Sargadelos. No ano 1955 viaxou a Arxentina, onde fundou Cerámicas La Magdalena, e constituíu o Laboratorio de Formas de Galicia.

Pilar Valiño Pérez naceu en Oza dos Ríos (A Coruña) en 1929. Recén saída da infancia incorporouse ao traballo en Pesqueiras Españolas do Bacallau. Alí foi elixida representante sindical. Dende 1979 ata 2007 foi concelleira Delegada de Mercados, Comercio Tradicional e Servizos Sociais no Concello da Coruña.

Te puede interesar