'Memorias dun neno labrego' cumpre o seu 50 aniversario

O Museo do Moble e da Madeira da localidade pontevedresa da Estrada encheuse onte de veciños e representantes do mundo da cultura e a política para conmemorar o 50º aniversario da publicación do libro 'Memorias dun neno labrego', do escritor Xosé Neira Vilas, e para presentar a última reedición. Editada por Galaxia, a obra máis lida da literatura galega, recupera a cuberta da primeira edición, deseñada por Luís Seoane.
Para Neira Vilas, foi un acto 'moi significativo. É un día memorable, sobre todo, porque vivo para contar o conto', segundo recoñeceu o autor dunha obra da que se venderon 600.000 exemplares desde a súa publicación tal día como onte hai medio século en Buenos Aires.

Neira Vilas evocou a figura de Anisia Miranda -a súa compañeira sentimental e tamén escritora, falecida hai 15 meses- e relacionouna con Balbino, o protagonista de 'Memorias dun neno labrego', porque 'ela tamén foi unha nena labrega en Cuba' e, curiosamente, tiña pensado empezar a escribir as súas memorias no mesmo día en que morreu.

Te puede interesar