Celebración

O Campus únese ós actos de celebración do Día de Rosalía

A biblioteca central do Campus leva o nome da escritora.
photo_camera A biblioteca central do Campus leva o nome da escritora.
As actividades prolónganse ata o día 27 e terán como eixo central o poema "Airiños, airiños, aires"

Por cuarto ano consecutivo o campus de Ourense únese á celebración o 24 de febreiro do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega do Rexurdimento. Nesta ocasión, 12 profesores da Facultade de Ciencias da Educación e o seu alumnado desenvolverán un amplo programa de actividades co obxectivo de reivindicar a vixencia da figura e a obra da homenaxeada.

Tendo en conta a celebración do Entroido en Ourense, a programación comeza esta semana e prolongarase ata finais da que vén, sendo o acto central o día 27 de febreiro. "Este ano o noso obxectivo foi conseguir que o alumnado participase tamén activamente", explica a profesora Isabel Mociño. Para acadalo, a ducia de profesores participantes implicouse na organización traballando cada un deles desde a súa materia e co seu alumnado. Desde a organización destacan a importancia de cada ano non só manter senón dar pulo a esta conmemoración para reivindicar a "vixencia da figura e da obra" de Rosalía de Castro. Ademais de ser unha ferramenta para neste caso traballar arredor da creatividade, a programación deseñada quere implicar ás futuras xeracións de mestras e mestres na transmisión da cultura e lingua galegas.  

A programación vinculouse no Campus ó poema "Airiños, airiños, aires" tendo en conta que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escolleu como lema "Errantes polo mundo". Mociño indica que "collendo esa idea de errar polo mundo, das problemáticas da emigración... o que fixemos foi escoller o poema de Rosalía e vertebramos toda a programación ao seu redor". Deste xeito, as celebracións iniciaranse mañá, mércores, cun obradoiro de nubes empregando materiais de reciclaxe. 

A programación seguirá despois do Entroido coa exposición "Rosalía é mundial", na Biblioteca que leva o nome da autora e no edificio de Ferro. A mostra consistirá na ubicación en diferentes lugares de poemas traducidos a múltiples idiomas. O acto central do Día de Rosalía terá lugar o 27 de febreiro, ás 11,30 h na sala Emilia Pardo Bazán. Comezará coa lectura do manifesto redactado este ano por Daniel Asorey. Durante a actividade o alumnado que participou no obradoiro de nubes desfilará coas súas creacións, haberá unha lectura de poemas da escritora homenaxeada e varias intervencións artísticas realizadas por alumnado do campus e inspiradas no poema "Airiños, airiños aires".

Te puede interesar