De non entrar a graduarse cun 10

Nazaret Blanco, unha das galardoadas.
photo_camera Nazaret Blanco, unha das galardoadas.
Nazaret Blanco é unha das 85 galardoadas cos Premios Fin de Carreira polo seu expediente. Non puido acceder a Educación Social porque non lle chegaba a nota e, a través dunha FP, logrou o seu soño. Breogán Riobóo, outro premiado, cambiou a política polo Traballo Social. 

Nazaret Blanco Prado accedeu ao grao en Educación Social do Campus de Ourense a través dun ciclo de Formación Profesional en Educación Infantil. “Sempre souben que quería ser educadora social, pero non me chegaba a nota para entrar e optei pola FP, que me axudou moitísimo no meu desempeño posterior”, conta esta egresada. É unha das 39 galardoadas da UVigo que obtiveron os Premios Fin de Carreira como exemplo da excelencia que outorga a Xunta de Galicia. Alba González Fernández, graduada en Educación Infantil; Ana Puga Ramos, en Dereito; Breogán Riobóo Lois, en Traballo Social; Elena Fernández Cagiao,  en Enfermería e Fernando Rodríguez Álvarez, en Enxeñaría Informática, foron os representantes do Campus de Ourense que acudiron ao acto de entrega en Santiago de Compostela, aínda que hai máis premiados de graos de As Lagoas como o de Turismo ou o de Administración e Dirección de Empresas. En toda Galicia oututorgáronse 85 recoñecementos.

Breogán Riobóo, outro dos galardoados ourensáns, foi o primeiro secretario xeral que tivo Podemos en Galicia. Cambiou a política polo Traballo Social. “Era representante político e cando saín da política descubrín que o Traballo Social ligaba co meu sentir de servizo, foi algo así como amor a primeira vista”. Pola súa banda, Ana Puga é a única representante ourensá da rama en Dereito. “O meu non foi vocacional, sempre fun de Ciencias. Pero comentáronme que era unha carreira con moita saída e unha vez estudas, gústache”. O truco da “excelencia”, di Puga, ten que ver co “esforzo, o traballo, a constancia e renunciar a outras cousas para estudar”. 

No caso de Blanco e Riobóo, ambos están inmersos nas súas teses doutorais. Puga está opositando para ser xurista penitenciaria.

O premio

O recoñecemento da Consellería de Educación aos mellores expedientes supón a obtención dun diploma e da cuantía económica de 3.500 euros. 

Te puede interesar