Universidade

A Universidade de Vigo oferta os mestrados do novo curso

Edificio de Ferro do Campus de Ourense.
photo_camera Edificio de Ferro do Campus de Ourense.
A institución académica aposta pola variedade e especialización con 55 títulos e 1.654 plazas

A Universidade de Vigo ofertará un total de 55 títulos e 1.654 prazas de mestrado para o vindeiro curso 2021/2022. Estas son as grandes cifras coas que a institución académica universitaria volve apostar pola variedade, a calidade e a especialización. Este ano escolar contará coa novidade do Mestrado universitario en sistemas aéreos non tripulados, que moderniza mudando materias e competencias o contido do seu antecesor. 

O Campus de Ourense será beneficiario de 12 mestrados e 334 prazas. O campus de Vigo oferta a maioría de títulos, 38, que suman 1.024 prazas; por último, o de  Pontevedra contará con 10 programas e 296 prazas. Este movemento chega tras a gran resposta o ano anterior, con case 1.500 persoas matriculadas.

O director da Área de Posgrao da UVigo, David Patiño, falou sobre as razóns que motivaron esta ampla oferta. “Os másteres son estudos de especialización e polo tanto cómpre ter unha oferta variada para que tanto o alumnado propio que provén do grao, como o que chega de fóra, poida atopar unha titulación de interese que complemente a súa formación”, sinalou Patiño. 

A UVigo destaca que o seu obxetivo é maximizar a calidade e reforzar a orientación, non só para estudantes, senón tamén para profesionais que queren seguir formándose sen necesidade de abandonar o traballo. Para Patiño estas son as principais fortalezas da oferta de mestrado, que o director da Área de Posgrao considera bastante equilibrada, tanto por ámbitos de coñecemento, como por campus. 

Formación para toda a vida

Nunha contorna social e laboral cambiante, motivada polas crises, a formación continua confírmase como unha necesidade, e os mestrados universitarios son unha grande alternativa para darlle resposta. “Trátase dunha formación regrada e con gran variedade formativa, para que todo o mundo poida atopar o complemento que precisa”, resalta Patiño. 

“Como a universidade é unha institución pública, garántense ademais uns estándares de calidade elevados dos que non todo o mundo pode presumir”, explica David Patiño. O director da Área de Posgrado lembra que os mestrados oficiais tamén abren a porta a unha continuidade de estudos pola vía da investigación, a través dos programas de doutoramento, que a algunhas persoas lles poder resultar atractiva.

Finalizado o primeiro prazo de preinscrición e de matrícula, será a finais do mes agosto cando se abra un novo período de preinscrición, que se completará cun terceiro a finais do mes setembro, por solicitude expresa da comisión académica de mestrado.

O anterior ano escolar cubriu o 90% do total das prazas ofertadas

O curso pasado 2020/2021 os mestrados da UVigo sumaron un total de 1.467 persoas matriculadas, o que se traduciu nunha ocupación do 90% das prazas ofertadas. O campus de Vigo rexistrou 899 matriculados en mestrados, seguido de Ourense con 299 e Pontevedra con 269.

Un curso máis, o Mestrado universitario en profesorado en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas foi o que acadou o maior número de matriculacións con 280, seguido do Mestrado en comercio internacional e do Mestrado en prevención de riscos laborais que acadaron o 100% de cobertura.

Te puede interesar