Cartas al director

Desmantelamento e indiferenza (un manifesto a destempo)

Este manifesto a destempo ten a súa orixe e razón en meus pais. Os 85 anos xa lles andan a petar nas costas e, de cando en vez, agroman conversas que os levan a aconteceres pretéritos. Aconteceres varios, con fíos en común ou simplemente porque acontecen. 

Esta fin de semana volvemos a eses tempos máis novos que lles pertencían a eles e tamén ao que, por unha emoción ou por outra, todo o que O Carballiño lles achegaba. E máis en concreto collemos polo camiño do gozo que era ir ao cine. Eu lembro o Reque. O Rivas. E moito máis o Alameda. O cine Alameda. Un cine que era e foi moito máis que un cine. Un edificio que para moitos veciños como meus pais se acabou convertendo nun referente sentimental. Por todo o que nel viviron. Ao que había que engadirlle o valor arquitectónico. Poucos locais máis fermosos que os nosos cines se podían ver en calquera outro lugar. Mais todo iso non serviu de nada. Pois todo se veu abaixo. 

Así. Literalmente. Mentres en Portugal, no país veciño, foron capaces de atopar e aínda seguen atopando diñeiro ata debaixo das pedras para levar a cabo restauracións de edificios que eles entenden deben ser protexidos. Algo que, aquí, nesta terra, se encamiñou polo andadeiro contrario. Xa que aquí a meta semellou facer desaparecer as pedras, para intentar convencernos despois de que debaixo delas non había nada. Porque aquí nunca hai nada. Agás ansia por derruír, por desmantelar, para despois sobre ese mesmo espazo levar adiante a clásica e recoñecible voracidade que todos podemos identificar e definir. 

O que me empurra a un triste cavilar, pois quizais o camiño a seguir percorrendo polo Carballiño sexa este. En todos os aspectos. Mais é posible que se deba tamén á nosa latente e crónica apatía como veciñanza. Aínda que, sen dúbida ningunha, o que si hai que sinalar por riba de todo é o mirar cara a outro lado por parte de todos os nosos xestores que ao longo do tempo foron pasando pola chamada Casa do Concello. Así ten sido ou leva sendo, e todo apunta a que así seguirá, polo que talvez non nos quede outra que seguir cada un ao seu e que cada quen siga intentando turrar dese interesado e fino fío para ver ata onde chega. Ou dá.