Cartas al director

Hobbes ou Rousseau

Cal é a natureza do ser humano? Esta cuestión nuclear vertebra as inquedanzas ontolóxicas dende tempos pretéritos. As aproximacións teóricas que orbitan de xeito tanxencial arredor desta pregunta son múltiples, mais na memoria colectiva prevalecen as correntes antitéticas de dous dos intelectuais máis destacados do século XVII e XVIII.

 Un destes pensadores foi Thomas Hobbes, caracterizado polo seu pesimismo antropolóxico como consecuencia da súa experiencia vital nas guerras civís inglesas, afirmando: “Miña nai deu a luz xemelgos; eu mesmo e o medo”. Por conseguinte, describía a vida do ser humano no seu estado natural como “solitaria, pobre, sucia, salvaxe e breve”, nunha guerra de todos contra todos que so se solucionaría mediante a renuncia da nosa liberdade e o control do poder por parte dun soberano autoritario que impuxera orde entre o caos civil, o coñecido Leviatán. 

O outro camiño sería o percorrido por Jean-Jacques Rousseau, un músico descoñecido con vínculos con eximios ilustrados como Denis Diderot. A súa vida sufriría unha metamorfose tras o anuncio do Mercure de France sobre un concurso da Academia de Dijon. Dende o seu prisma, a civilización era un veleno debido a que o ser humano é bo por natureza e son as institucións as que o corrompen. Considera o inicio da decadencia na creación da sociedade civil coa tríade da agricultura, a propiedade privada e o Estado que non nos liberaría do caos e da anarquía, senón que nos escravizaría a unha vil existencia. Incluso emprende unha ofensiva mordaz contra a invención da imprenta xa que “pola súa culpa as perigosas ideas de Hobbes perdurarán no tempo”.

 Somos o homo homini lupus ou o bondadoso ser corrompido? Estas claves de bóveda vencelláronse coas ideoloxías políticas, estruturando os postulados conservadores da primacía individual na selva da barbarie e do progresismo do benestar colectivo. Unha miríade de académicos contemporáneos reflexionaron sobre as teses hobbesianas e rousseaunians: Jared Diamond, David Graeber, Yuval Noah Harari ou Steven Pinker. Sen embargo, a pesar do recoñecido prestixio destes científicos sociais, hai un historiador, con menos notoriedade pública, que aborda esta cuestión a través dunha lúcida análise comparada, elaborando unha nova perspectiva histórica da humanidade. “Dignos de ser humanos”, de Rutger Bregman, é unha gran obra que nos invita a reflexionar sobre a nosa condición prístina.