Opinión

Stan Lee, eu leo

Non creo que estea a facer ningún spoiler por desvelar aquí que o tempo vainos ir levando, a todos, antes ou despois, deste chiringuito. E aínda sendo coñecedor desta certeza, hai pasamentos que máis alá dos do propio entorno dun, se senten con especial pena.

Este é un deses casos. Non é que coñecera demasiado da vida persoal de Stan Lee. De feito, estou case seguro de que nunca pasou polo Carballiño.

Apenas sei da súa apariencia física polos cameos nas películas da Marvel ou na impagable “The big bang theory”. Ignoro absolutamente onde naceu, nin sabía cantos anos tiña ata que saltou a triste nova da súa morte. Pois aínda con todo esto, sentín que un bo anaco da miña xuventude marchaba xunto con el.

Explícome. Xa sei que para semellar un intelectual deses que din e escriben cousas moi sesudas debería contar que aprendin a ler co “Ulises” de Joyce pero non é o caso. A realidade é que, coma moitos, comecei a miña apaixoada e longa relación coa lectura da man de Francisco Ibañez e o señor Lee.
Do primeiro, dicir que agardo que non se espere a que xa non estea para brindarlle todo o recoñecemento do que é merecente. Sería moi español darlle o Premio Nacional das Letras a título póstumo. Non en van, Mortadelo e Filemón e outras creacións súas, son unha caricatura de moitos dos comportamentos típicos desta terra.

Con respecto a don Stanley Martin Lieber, pois non vou descubrir eu agora o seu talento e a súa creatividade e imaxinación case sen límites. A través das súas personaxes tocou tódolos paus.

A ciencia, a través de experimentos con raios gamma que transformaron ao bo doutor Banner nun mastodonte verde ao enfadarse, nunha reviravolta debuxada da historia de Jekyll e Hyde.
Trouxo para as novas xeracións o interese pola apaixoante mitoloxía nórdica a través do deus Thor e o seu sacro martelo.

O tópico de que os ricos tamén choran non lle foi alleo nos trazos do inestable Tony Stark que creou unha armadura para salvar o mundo e resgardarse a si mesmo.

Ou, por suposto, o meu favorito. O adolescente timorato que recibe poderes a través da picadura dunha araña e descubre moi axiña, coa morte do seu tío Ben, que todo gran poder conleva unha gran responsabilidade. Unha lección de vida que todos deberíamos ter sempre moi presente.
Hai unha lexión máis, todos eles heroes atormentados, preparados para salvar á humanidade cada semana pero, sen embargo, incapaces de encauzar as súas propias existencias. A eterna loita entre o ben e o mal dentro e fóra de cada un de nós.

O vello Stan foi artífice de que hoxe moitos desfrutemos só co feito de ter un libro entre as mans pero tamén lle agradecerei eternamente a última xeira de películas baseadas nos seus cómics. Grazas a elas conseguín instaurar na casa unha tradición que me entusiasma, a de ver cos nenos, polo menos, unha película á semana. Non é sinxelo inculcarlle aos cativos o amor polo celuloide nestes tempos de youtubers, gamers, influencers e apps. Agora xa vou intercalando algún clásico polo medio con boa aceptación por parte dun público cada vez máis esixente.

O feito de que fora a miña filla Celia quen me propuxo escribir sobre Stan Lee esta semana, dá conta da influencia deste no noso costume familiar.
Ata sempre, Stan. Grazas por todo e que Odín te garde.

Te puede interesar