Opinión

E agora qué?

Moitas veces os resultados poden ter varias lecturas, por iso unha das principais ocupacións dos políticos é parecer, en calquer caso, vencedores. Pero non é nada fácil. Que o PP de Ourense capital sexa o que mellor resiste das cidades de Galicia e que sexa o único con opcións serias a conservar a alcadía, non é impedimento para ver que non eran os resultados que desexaban. Os partidos do antigo goberno PSOE-BNG pasaron de 14 a 6, e o PP de 11 a 10. Pero iso xa non importa. Agora, hoxe, a pregunta, á vista da composición actual da corporación, é moi simple. E agora que? A xente falou, e seica lle atrae máis o exabrupto e circo que a responsabilidade e o traballo.

Así pois, creo que toca falar. Rápido e concreto. E escoitar, tamén, claro, a voz dese desacougo cidadán e as propostas que lle deron a Jácome oito concelleiros. Si. É certo, hai moitos mundos neste mundo, moitos ourenses neste Ourense. E se o cine máis visto é o de Torrente, os libros máis lidos os de Belén Esteban, non resulta estraño que Jácome recolla máis votos dos enfadados, cabreados, etc. que os partidos sistémicos ou as novas Mareas. Porque eles xa estaban aquí antes, teñen unha soa voz, incluso televisada, e un ton desenfadado e deslinguado que conecta. Por mi hija ma-to.

Supoño que pasadas as primeiras horas de sorpresa, o que se imporá como posibilidade real é algo semellante a unha “Grosse Koalition, light”. Ou sexa que o PP afronte un goberno en solitario, con acordos estratéxicos para grandes temas con PSOE e con acordos puntuais tamén coas outras forzas, que seguro que achegan ideas interesantes e factibles. A revisión do tema termal de cabo a rabo, a construción dun Parque acuático, por exemplo, e outras a facer máis caladamente, parécenme interesantes. 

Obviamente isto é algo que lle convén aos dous grandes do bipartidismo, e creo que a todos. Estou seguro, e apoiándome nas declaracións de Barquero, e dando por superadas as lóxicas tensións e desencontros de campaña, que máis alá da retórica global do partido de non pactar coa dereita, será moito máis fácil o entendemento para moitos temas entre o lider socialista no Concello e Jesús Vázquez que outra cousa. As posiblidades de Jácome de acadar a alcaldía véxoas, pois, de partida, nulas. Porque os demais (Barquero e Doval) creo que consideran mellor interlocutor a Vázquez que a Jácome. Os conceptos de arriba e abaixo están claros desde antes de Barrio Sésamo, pero os de dereita esquerda, non tanto. Nin sei se serán xa útiles na política. Lembro a primeira vez que me examinei do carné de conducir, o famoso e implacable Buján, dixérame que torcera a dereita. Eu pregunteille que para cal dereita, indo ou vindo? Mandoume parar. Suspenso. Pero sígoo vendo complicado. Así, non sei recoñecer se DO está á dereita ou á esquerda. Pero si sei que o apoio lle vén de abaixo. E iso é a democracia. O poder dun demo de xente. 

En fin, prognosticaba eu o 24 de febreiro: “Canto mellores resultados obteña DO, creo que máis difícil será a gobernanza para calquera”. Espero equivocarme tamén niso. Ou sexa, falen, acorden e vexan. Seguro que cada un topa un oco no esforzo común de poren a cidade por riba de todo. Graciñas.

Te puede interesar