Opinión

BEN-CHO-SHEY

Cando eu era pequeño, alá polos finais dos sesenta, na última folla de La Región escribía unhas colaboracións pequeniñas, en galego e coa súa foto, un personaxe para min misterioso. Daquela andaban moito na prensa, na sección de internacional, Chu-En-Lay, Mao-Tse-Tung e Chang-Kai-Ché, e claro, o tamén trisílabo de grafía estraña, Ben-Cho-Shey, debía ser, cría eu, outro chinés. A súa foto, efectivamente, presentábanos a unha persoa de ollos algo rasgados, aínda que me despistaban os temas e a lingua que usaba. E lembrarei como cando lle preguntei á miña avoa, mestra ela, que como era que un chino escribía en galego no periódico, ela riu. Non era chino que ela ben o coñecía. Era mestre, algo máis vello ca ela, e ademais, era inspector (daquela, dos catedráticos e inspectores falábase con respectuosa admiración). Ben-Cho-Shey era un pseudónimo que se puxera cando mandaba desde a guerra de África crónicas a La Zarpa que era o xornal que se lía na casa en Cudeiro. Chamábase Xosé e apelidábase Ramón de primeiro ?como dona Concha Ramón- e Fernández-Oxea de segundo. Por cousas da guerra civil transladárano fóra de Galicia, pero viña con frecuencia. E sempre, sempre, cando os maios. Andando o tempo souben máis cousas del.


Por iso hoxe é unha grande alegría e satisfacción ver no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, unha magnífica mostra, audaz no estético, riquísima nos fondos, ben estruturada na secuenciación cronolóxica e temática, sobre este personaxe ourensán de primeira orde que chegou a nós un pouco esvaído pola distancia e unha certa sombra de memoria proxectada por Xoaquín Lorenzo. Explícome. Ben-Cho-Shey, discípulo de Cuevillas, membro do Seminario de Estudos Galegos, estudoso do barallete e dos afiadores, autor da monografía sobre Santa Marta de Moreiras, impulsor da expansión da festa dos maios, estudoso da arqueoloxía da Estremadura onde o levara o traslado forzoso incial, foi tamén, dalgún xeito, o embaixador e intermediario das cuestións de cultura galega en Madrid. Presentaba e negociaba na censura as obras de Galaxia, recadaba orixinais para o programa galego da BBC de Londres, acollía aos estudantes inquedos, revolucionarios do grupo Brais Pinto (Méndez Ferrín e compañía) e tiña unha postura persoal crítica co mundo que lle cadrara. Quería intervir e interviña no que estivera da súa man. Incluso na redacción da súa propia lápida mortuoria, a máis curiosa e irónica de Galicia: O señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan.


No seu centenario, en 1996, Xesús Alonso Montero tratou de facer unha serie de actos, pero a filla, suxeitándose á pedra, non o permitiu.


Esta exposición -apuren que só está ata o 18 de agosto- debe servir para que o coñezamos e o valoremos mellor. Meréceo. Merecémolo.

Te puede interesar