Opinión

O cadelo e o neno

Eu fun educado, en parte, coas películas de vaqueiros. Alí, o habitual era que cando o cabalo rompía unha pata, o artista, co xesto serio, miráballa ben, pasáballe a man polo lombo, acendía un pito e despois, ferráballe un tiro na cabeza para que non sufrise. E todos, cun nó na gorxa, pensabamos, ¡que gran cabaleiro! e sentíamos empatía coa dor do vaqueiro que decidira atallar o sufrimento do bruto. Despois, andando os anos, lin a Castelao. Tamén me educou un pouquichiño. Sobre todo as “Cousas e retrincos”, que é, para min, o mellor que ten. (“Os dous de sempre” non chega a ser unha novela, é tal que unha ristra de “cousas” enfiadas; e o “Sempre en Galiza”, non deixa de ser un poupurrí histórico ideolóxico, un revoltallo interesante).

E das “Cousas” de Castelao, hai unha que vén ao conto e que aparece en moitos libros de texto. Titúlase “Unha obriña de teatro”, e di que se fose autor do xénero, escribiría unha obriña en dúas partes; “lances”, chámalle el. Na primeira, unha numerosa familia labrega choraría a fío nunha corte pola morte dunha vaca. Entrementres, o público do patio de butacas, riría do chocalleiro da imaxe. Na segunda parte, unha reducida familia señorita –a nai e dúas fillas- chorarían a morte dun cadelo pequeniño e “todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto. E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño”. Un excelente xogo literario e escenográfico de interacción co público desa literatura social á que tan afeccionado era o rianxeiro.

Como ven, está nos nosos clásicos que “a morte dunha cadela non é para tanto”. A evolución das sensibilidades tamén está aí, pero ás veces pasámonos e convén volver aos clásicos. Como clásica tamén é a frase “Un home é un home e un gato (ou pita, ou can), un bicho”.

En fin. Que estes días anda na prensa o tema dun bicho-can, fondamente maltratado polo seu amo, que dito sexa de paso, é moito menos humano e moito máis bicho que o pobriño do inocente cadelo. Por iso é preciso o máximo castigo que permita a lei ao autor de tamaña barbaridade, como castigo para el e como exemplo para os demais. Non se pode ser, perdón, tan animal. Pero, logo de deixar isto claro, para o can muribundo, a solución ao vaqueiro. Eliminarlle o sufrimento e punto.

Paréceme inmoral, fondamente inmoral, que coincidan nos mesmos medios de comunicación a foto do Aylan, afogado o pobriño nunha illa do Exeo, vindo a Occidente e o parte médico do que lle acontece ao cadelo, día a día. Igual pasou o verán pasado con outro pobre can de Ribadavia que seica operaron, creo que en Lugo, e custou a cousa varios miles de euros. Eu víaos mellor investidos, por suposto, en atender aos humanos e as súas críanzas, eses que vemos estes días ocupando os telexornais con caras angustiadas entre o medo seguro do que deixan atrás e a incerteza do que lles deparará o futuro.

Estamos nun tempo de escollas. A prioridade hoxe, son as persoas. Se cadra este exceso actual é produto dese animalismo irracional que proclama “non ás distincións de especie”. Pois si. Si ás distincións de especies. A humana primeiro. E para o resto, para os cans por exemplo, as sobras. Coma sempre.

Te puede interesar